Que está a suceder en Belarús?

Asistimos estes días a un fenómeno, cando menos, difícil de crer: volven ondear as bandeiras brancas e vermellas en Belarús. Bandeiras que, dende o inicio das protestas masivas contra Lukashenko, veñen a ser presentadas polos medios occidentais como símbolos de «liberdade», «democracia» e «europeísmo». Pero a realidade é outra ben distinta: a bandeira branca da franxa vermella é a mesma que ondeaba durante a ocupación nazi do país nos anos corenta, izada polo goberno colaboracionista. É a mesma bandeira que se deixou ver brevemente cando a Perestroika e a Glasnost galopaban pola URSS como o cabalo de Atila, levando miseria e pobreza ao seu paso. Pero o que sucede en Belarús non é unha mera cuestión de símbolos. Que está a suceder verdadeiramente no país?

Os medios occidentais falan dun presidente, Aliaksandr Lukashenko, que sería pouco máis que unha mera marioneta ao servizo dos intereses do Kremlin. A tradicional campaña mediática contra Lukashenko fala do «último ditador de Europa» amparado polo poderío de Vladimir Putin, que sería unha especie de tsar investido de poder omnímodo. Segundo esta visión –absolutamente imprecisa– da realidade, o que esta a suceder en Belarús nos últimos días sería a protesta dunha maioría social demócrata e proeuropea contra o xugo insoportable da tiranía oriental. Isto é absolutamente falso.

Cómpre, ante todo, comprender quen é Lukashenko, «último ditador de Europa». Alieksandr Lukashenko foi, en 1991, o único membro do Soviet Supremo bielorruso que votou «non» á disolución da Unión Soviética. En 1994 obterá a vitoria nas primeiras eleccións presidenciais celebradas tras a caída da URSS, defendendo un programa baseado nun forte control estatal da economía. Serán estas políticas as que evitarán que as condicións de miseria absoluta que por aquel entón están a azoutar o resto das ex-repúblicas soviéticas se reproduzan tamén en Belarús. Esta economía baseada na constante supervisión estatal garante ata hoxe en día unhas taxas de paro e desigualdade extremadamente reducidas, e granxeará a Lukashenko o apoio incondicional da meirande parte dos traballadores das empresas estatais bielorrusas, reflectido nos resultados electorais: sempre vitorias rotundas, en seis ocasións consecutivas, con porcentaxes que oscilan entre o 75% e o 85%.

Tachar a Lukashenko de vasalo ou marioneta de Putin non ten moito fundamento, a xulgar polas frecuentes tensións diplomáticas experimentadas entre Minsk e Moscú. Este ano comezou, sen ir máis lonxe, con acendidas disputas entre Belarús e Rusia provocadas por desacordos no prezo do petróleo e do gas natural e, en agosto, os xornais occidentais fixéronse eco do incidente diplomático que tivo lugar a causa da detención de trinta e tres cidadáns rusos acusados de ser «mercenarios» vinculados a opositores procesados polas autoridades e acusados de conspirar para propiciar disturbios.

Por outra banda, as protestas populares carecen do forte compoñente europeísta que si se empregou en Ucraína para lexitimar os disturbios do Euromaidán, pero presentan as mesmas derivas vinculadas a posicións de extrema dereita e explicitamente fascistas en certas ocasións.

Son realmente as protestas bielorrusas un clamor popular contra un sátrapa imposto por Rusia ou China?

En primeiro lugar, resulta complicado catalogar o que sucede en Belarús como clamor popular: as protestas, se ben son masivas, representan a unha porcentaxe moi escasa da poboación, a pesar do que diga a cara visible deste movemento, Svetlana Tsikhanouskaia, que segundo datos oficiais obtivo un 9,9% nas últimas eleccións: ela afirma que as cifras están manipuladas e que ela sería a vencedora cun resultado que oscilaría entre o 60 e o 80%, resultados impresionantes se temos en conta que máis do 50% da poboación bielorrusa vive en localidades de menos de 100.000 habitantes nos que non tivo lugar nin a máis mínima protesta. A realidade é que os disturbios e concentracións están apoiados sobre todo por unha pequena porcentaxe da poboación menor de trinta anos, descoñecedora da terrible situación vivida a raíz da caída da URSS en Europa do Leste e descontenta coa escasa competitividade do salario bielorruso, máis baixo que o de outros países do entorno.

En segundo lugar, resulta absurdo, como xa comprobamos, considerar a Lukashenko un político sometido aos intereses de ningunha potencia estranxeira. Máis ben é un líder que sabe como garantir a súa independencia navegando entre augas turbulentas e mantendo boas relacións con todo aquel que poda resultar de utilidade para os intereses de Belarús.

Lukashenko non é, dende logo, un marxista-leninista e Belarús non vive, nin de lonxe, na ditadura do proletariado. Lonxe disto, existen no país e no seu goberno derivas marcadamente conservadoras e incluso reaccionarias, pero hai algo que debemos ter claro en todo momento: no mundo actual existen dous proxectos, o unipolarismo do imperialismo ianqui e os seus socios, e o mundo multipolar que queren construír os países en vías de desenvolvemento e os seus aliados, lista na que se atopan Rusia, China, Cuba, Venezuela e, por suposto, Belarús. O imperialismo é incapaz de comprender as relacións internacionais á marxe do sometemento dunhas nacións ás outras, á marxe da vasalaxe, do clientelismo. Por iso precisamente, certos países en Occidente e as súas axencias de noticias –cans de presa das clases dominantes– non entenden que un país pode ser independente sen someterse a outro, que Belarús pode non estar sometida a EEUU e non por iso estar sometida a Rusia. Ou quizais o problema é, precisamente, que entenden isto á perfección e, por iso, buscan instigar disturbios e guerra civil en calquera país soberano que se atreva a desobedecer os caprichos do imperio ou os ditados do capitalismo máis brutal.

Por iso nós, dende Xeira, manifestamos todo o noso apoio ao pobo de Belarús e ao seu presidente Lukashenko, do mesmo xeito que reiteramos o noso apoio á Venezuela de Bolívar e á Siria do Baaz Árabe. Nós, mocidade comunista de Galicia, poñémonos hoxe, como sempre fixemos e sempre faremos, ao carón da autodeterminación dos pobos, da soberanía e o dereito a resolver os propios asuntos sen inxerencias estranxeiras, e precisamente por iso afirmámonos, unha e mil veces, contra os disturbios inducidos polo imperialismo, contra as guarimbas, contra as falsas revolucións de cores e contra as falsas primaveras, que non son máis que velos cos que se cobre a guerra civil e a matanza exportadas polo capital a todos aqueles países que proclaman demasiado alto a súa soberanía.

Polo internacionalismo e a solidariedade dos pobos! Venceremos!

Publicacións relacionadas