Moncho Reboiras, exemplo de loita

Cúmprense hoxe corenta e cinco anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia a mans das forzas policiais do Estado español. Cando morreu, Moncho tiña vintecinco anos. Nós, dende Xeira, organización da mocidade comunista galega, queremos lembrar un ano máis o heroísmo de quen estivo disposto a dar a vida pola causa da liberdade da Patria, de quen dedicou ata o seu último suspiro á loita firme, consecuente, contra o fascismo e contra a tiranía.

A morte de Reboiras, que recordamos hoxenon foi outra cousa máis que a culminación dunha vida de entrega á causa revolucionaria. Por iso, comprometémonos un ano máis a seguir emulando a praxe revolucionaria de Reboiras ata acadar o seu soño, que tamén é o noso e o de moitos que viñeron antes que nós e foron tamén arquitectos das nosas esperanzas: a independencia como paso inevitable de cara á construcción do socialismo.

Precisamente por isto, pola nosa resolución de facer realidade o proxecto revolucionario de Moncho Reboiras, cómpre lembrar cal era este proxecto, que tiña, en termos políticos, unha definición moi clara e unha transcendencia que chega ata os nosos días.

A entrada de Moncho e outros cadros na UPG marcará un antes e un despóis na historia do Partido, rematando coa indefinición ideolóxica e orientando definitivamente a organización cara a súa conversión en Partido Comunista. Reboiras xogará un papel crucial na integración de novos cadros obreiros, traballando decididamente na creación da fronte sindical, a Fronte Obreira.

Pero o papel desempeñado por Moncho Reboiras non se limitaría únicamente ao eido sindical, destacando tamén na creación doutras frontes coma os Comités de Axuda á Loita Labrega, a Fronte Cultural Galega ou o Movemento Popular da Canción Galega, exercendo tamén, dende o 73, a dirección da Fronte Armada, actividade que lle custaría a vida.

Cal era, por tanto, a liña politica que defendeu Moncho Reboiras?

Primeiro, a creación dun Partido Comunista Patriótico, organizado conforme aos principios do marxismo-leninismo: disciplina total e democracia absoluta, é dicir, centralismo democrático.

Paralelamente, a articulación das frontes de masas necesarias para aglutinar ás clases traballadoras de Galicia baixo a mesma bandeira, permitindo ao Partido exercer a dirección no necesario proceso de facer confluir as tres loitas –política, económica, e ideolóxica– nun único proceso revolucionario.

En segundo lugar, a definición dun horizonte estratéxico nítido: a unidade de todas as forzas revolucionarias galegas de cara a acadar a independencia de Galicia como única vía que conduce ao socialismo e á unión internacionalista dos pobos que chegará inevitablemente coa vitoria da clase obreira. A independencia nacional como medio para acadar un fin: a ditadura do proletariado.

Reboiras entendeu á perfección, tamén, que os principios vencen, non se concilian. Cando o proceso revolucionario ve esgotadas todas as vías legais, únicamente quedan as ilegais, pero non se pode frear cun dique o ímpetu do mar que constitúen as ansias de liberdade dun pobo.

Por todo isto, Xeira, organización da mocidade comunista galega, reitera hoxe, un ano máis, a vontade de seguir facendo realidade o proxecto de Moncho Reboiras, e por iso, xunto co noso Partido, a FPG, mantemos en alto a bandeira do proletariado pola que deron a vida Reboiras e outros moitos, como Humberto Baena e José Luís Sánchez Bravo. Por todo isto sinalamos a necesidade de seguir fortalecendo o Partido Comunista e dotalo dos recursos necesarios para dirixir a loita das masas populares, ao tempo que redoblamos os nosos esforzos na tarefa de apoiar a construcción dun sindicato único que defenda os intereses do conxunto dos traballadores galegos contra a burguesía e a súa patronal, así como a articulación dunha fronte cultural que poña a cultura galega ao servizo do pobo traballador como tarefa inmediata na loita ideolóxica, e dunha fronte política que reúna a todas aquelas forzas que loitan todos os días na trincheira da clase obreira e da nación galega.

Dende Xeira, e como xa fixo Reboiras, seguimos proclamando: Patria Ceibe e comunismo!

Publicacións relacionadas