Lingua e cultura: ferramentas de emancipación

Existe, entre os sectores máis conservadores do galeguismo, un erro na concepción da lingua que provoca unha desorientación total na súa acción, ben sexa no eido da política ou noutros ámbitos, como as diversas ramas do sector cultural. Este erro consiste en comprender o galego, a nosa lingua, como un fin e non como unha ferramenta. A lingua é un instrumento que agarda a ser empregado. A lingua galega é parte do arsenal das clases populares galegas na súa loita pola emancipación.

O conservadorismo, o esencialismo máis inerte, segue afanado en ver na lingua unha reliquia que o pobo debe venerar con devoción, pero nós entendemos que as reliquias son cousas mortas e que a veneración, preocupándose doutros mundos, esquece o aquí e o agora.

Nese contexto litúrxico, tómanse as verbas dos grandes persoeiros da nosa Patria e convértense en dogmas. Así, os máis servís membros do poder veñen repetindo coma un mantra, durante décadas: “se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. E coa mecánica repetición desvirtúan e despoxan de significado calquera reflexión acertada para convertela en confusión e abstracción, dous conceptos moito máis acordes ao rito relixioso que os de Revolución e Emancipación, que non están ao seu alcance.

A lingua non é un fin, e a identidade a preservar tampouco. As identidades pasan, desaparecen. Todas as identidades morren ou se transforman e deixan lugar a realidades novas, quedando elas mesmas desprazadas a un segundo plano, interpretando o papel do pasado glorioso: así pasou con Roma, e dende logo sucedeu con todos os seus sucesores na Idade Media. Todas son identidades mortas, pero son devanceiras do que nós somos agora. A identidade actual do pobo galego é a de pobo sometido, pobo que resiste heroicamente, pero sometido ao fin e ao cabo. O deber histórico do patriotismo galego non pode ser a preservación, senón que ten que ser, por forza, a transformación da identidade. Unha transformación que debe estar dirixida polas clases populares galegas e responder aos seus intereses, e non vir imposta dende outra nación nin dende outra clase: o pobo sometido debe transformarse en Patria libre.

Para rachar a cadea debemos comprender cales son as armas coas que contamos. Nós coñecemos o papel da lingua como ferramenta de loita precisamente porque comprendemos a Castelao e soubemos ler a Stalin: sabemos que Galicia é unha nación porque goza de comunidade de idioma, de territorio, de vida económica e de psicoloxía, manifestada na comunidade de cultura. E sabemos que todos os elementos mencionados gardan relación entre eles.

A creación de cultura en galego, o consumo de cultura en galego, implica tamén unha economía galega. Un pobo que demanda literatura en galego necesita da labor de todas as profesionais da edición: tradución, maquetaxe, corrección… Un pobo que desfruta do cine galego necesita actores e actrices, cineastas, cámaras, técnicos de son… Un pobo que demanda cultura de seu, constrúe pobo todos os días, porque na nosa terra colonizada, clase obreira e nación galega son a mesma cousa, e a cultura galega, para ser galega, para estar viva, debe estar feita por e para as masas populares.

Remataron os tempos en que o conto pasaba por verdade. Xa non cremos máis iso de que “a lingua e a Patria morren por culpa dos ingratos que non falan galego”. A Patria é o pobo, e a lingua é inmortal mentres sexa revolucionaria, e é revolucionaria, porque ten o poder de iluminar: o galego é a tea que alumea e evidencia a contradición existente entre opresores e oprimidos, entre clase obreira galega e burguesía española.

A forza de Galicia non ven nin do seu tamaño nin da cantidade de poboación. A forza da nosa Patria ven do seu proxecto emancipador e revolucionario, unha chispa que pode incendiar a pradeira. Galicia, igual que Cuba ou Vietnam, é unha nación que, para ser, necesita ser obreira, ser independente, ser revolucionaria. Por iso en Galicia cobra especial sentido a vella consigna “Patria ou morte!” que sempre estivo vencellada a outra: “Socialismo ou barbarie”.

O papel do Partido Comunista debe ser concienciar ás masas desa contradición e preparar ao pobo para a loita de liberación. Por todo isto, precisamente, o papel do comunismo debe ser denunciar activamente a todos aqueles ideólogos que buscan someter ás masas traballadoras a ideas abstractas de esencia e identidade, ao tempo que denunciar con igual intensidade o grande erro de quen, por medo a actuar, trata de pasar por alto que, en Galicia, nación e clase son a mesma cousa.

Pero o papel do comunismo galego non pode quedar simplemente na denuncia, é necesario ofrecer tamén unha alternativa: os mecanismos que fagan posible a construción dunha cultura dende abaixo, orientada a satisfacer as necesidades do pobo. No momento presente, as metas son facilmente identificables: aposta por un modelo máis democrático nos medios de comunicación e na produción cultural, organización do pensamento crítico materializada en publicacións que cheguen ao conxunto da poboación, defensa incondicional dun modelo académico orientado a fomentar ese mesmo pensamento crítico, sempre ao carón do estudantado popular.

É tempo de que o progresismo galego supere o erro histórico no que outros quixeron sumilo: non se trata de poñer ao pobo ao servizo da lingua, senón de poñer a lingua, a cultura, e a ciencia, ao servizo do pobo.

O pobo sempre permanece.   

Publicacións relacionadas