Carta aberta aos obreiros en loita de Alcoa

Asistimos nos últimos días á fase decisiva na loita dos traballadores e traballadoras da industria electrointensiva galega pola defensa dos seus postos de traballo, pola defensa do seu sustento e o das súas familias. Perante o empeño de Alcoa por pechar a súa fábrica de San Cibrao, o proletariado galego dá mostras dunha teima admirable, dunha capacidade abraiante para a máis heroica das resistencias.

Agora, cando Alcoa ameaza coa precariedade máis denigrante a milleiros de familias, a clase traballadora galega é motivo de orgullo e exemplo de dignidade para todos os traballadores do Estado.

A folga do aluminio formulada marca unha senda que chega moito máis lonxe do que puidera parecer nun principio, camiño que conduce á destrución das cadeas impostas polo capitalismo depredador ás clases subalternas galegas.

Os obreiros e obreiras de Alcoa queren as cubas acesas, e comprométense a manter vivo o lume metalúrxico custe o que custe. Os obreiros e obreiras de Alcoa néganse a deixar saír o aluminio da fábrica, a pesar de que seguen a producir sen descanso. Estes son os termos nos que se expresa a folga do sector electrointensivo: non consiste en deixar de traballar, senón en tomar pleno control do proceso produtivo e posesión do total do producido.

Tal e como se formula, esta folga constitúe unha ameaza sen precedentes para aquelas elites económicas que, galegas ou non, favorecen unicamente ao interese dos seus propios petos.

Galicia non é soberana, senón que se atopa reducida á máis absoluta dependencia dun Estado e dun sistema que a empregan como a súa central particular: que Galicia xere enerxía –din eles–, que nós decidiremos onde é mellor empregala. Nós pensamos que a enerxía galega debe ser empregada para sustentar unha industria galega que sexa capaz de dar de comer ao noso país, non aceptamos o modelo concibido por Madrid e pola Xunta de Feijóo, que pretenden reducir Galicia a un centro de veraneo para turistas.

A loita dos compañeiros e compañeiras do sector electrointensivo –e das súas familias, acompañantes leais nesta batalla– é o primeiro paso cara á construción desa patria digna que atemoriza aos propietarios da industria, que son os mesmos que queren destruíla para incrementar aínda máis os seus propios ingresos, xogando co futuro dun pobo enteiro.

Pero a nacionalización ou estatalización da fábrica de Alcoa San Cibrao non servirá para nada se iso non vai acompañado dunha transformación radical doutros aspectos da realidade onde vivimos. De que servirá unha fábrica nacionalizada en mans dun Estado controlado por individuos tan escuros como Feijoo, que non é máis que o sicario do gran capital?

A loita vai moito máis alá do problema puntual de Alcoa, por iso as forzas progresistas do país temos o deber de acompañar aos compañeiros de San Cibrao que, neste momento, son a punta de lanza da clase obreira galega.

O comunismo galego organizado na FPG e a súa mocidade organizada en Xeira expresamos o noso apoio total á vosa loita.

Nin un paso atrás na defensa da nosa xente! Traballo digno e socialismo!

Publicacións relacionadas