8 de marzo: día da muller traballadora

Cando analizamos a Historia na súa totalidade, atopamos os feitos na súa realidade.

8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Foi na Nova York do 1909, tras unha declaración do Partido Socialista dos Estados Unidos, cando as militantes estableceron o día Nacional da Muller en homenaxe á folga das traballadoras do téxtil un ano antes. O día non sería oficializado ata o 1910 na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, grazas á proposta de Clara Zetkin. A reivindicación principal naquel tempo focalizábase na demanda do sufraxio universal feminino, que se sintetizaba no lema “o voto da muller unirá a nosa forza na loita polo socialismo”.

Deste contexto pasou xa máis dun século en que nos vimos sobrepasadas polas condicións impostas do Capital: coaccionadas, violentadas, marxinalizadas… As mulleres obreiras constituímos o último chanzo dun sistema que emerxe a raíz de destruírnos.

Mais foi tamén neste século no que fomos testemuñas dunha vontade honesta e universal, de milleiros de voces que gritaron e deixaron a vida nos seus principios. Así foi que vimos de tres anos de mobilizacións históricas en moitos países, amosando o potencial emancipador que reside nas mulleres traballadoras, na maioría.

Loitamos por un Día Internacional da Muller Traballadora que faga honra á súa orixe: un día de solidariedade internacionalista contra as lóxicas da propiedade e de orgullo do proletariado contra unha burguesía que xa non ten que aportar nada máis que a miseria.

Desta forma, cómpre facermos unha serie de reflexións en torno á realidade política que nos rodea nestes momentos. Debemos rachar coas falsas dicotomías que nos amedrentan como xénero, impoñéndonos un patrón nas nosas vidas como mulleres, militantes ou non, que nos coarta a través de falsos discursos de liberdade. Así mesmo, é preciso orientar esta vontade de cambio de paradigma nun sentido de clase e nacional, centrado nas reivindicacións das mulleres traballadoras, independentemente da súa raza ou orientación sexual. Diriximos tamén o noso reclamo á importancia da validación do traballo reprodutivo, do noso tempo e forza nos diferentes eidos, da conquista da igualdade política. Reivindicamos, pois, o noso propio suxeito histórico.

A dominación patriarcal e capital arremete contra a vida das mulleres… non será ata que derroquemos a estrutura de clases que non seremos verdadeiramente libres.

Contra o sistema, organización internacional!

Publicacións relacionadas