25 de xullo: construír Partido, Patria, Liberdade

Non se pode negar a realidade: Galicia é unha nación. O marxismo, como ben indicou Castelao no seu tempo, dótanos da definición de nación máis avanzada formulada ata o momento: comunidade humana, historicamente formada, que xorde sobre a comunidade de idioma, territorio, vida económica e psicoloxía colectiva, expresada en comunidade de cultura. Sabemos que Galicia ten o seu propio idioma e un territorio perfectamente definido xeograficamente (e non por unha simple liña trazada no papel). Sabemos tamén que Galicia ten a súa propia vida económica: espolio dos recursos nacionais para satisfacer intereses estranxeiros, constantes ataques á industria local por parte deses mesmos intereses, a emigración como única posibilidade para un pobo permanentemente aldraxado. E sabemos, porque é imposible non decatarse, que Galicia ten iso que Stalin chamaba psicoloxía colectiva ou comunidade de cultura, que vai máis aló dunha mera cuestión sentimental, ou de calquera tipo de esencia espiritual inmutable: a comunidade de cultura é o conxunto de símbolos de calquera tipo a través do cal un pobo expresa un mesmo xeito de concibir realidades concretas (un nacemento, unha morte…), e vén definida polo propio carácter social e dialéctico da nación como grupo humano.

A nación galega é un colectivo, unha realidade social (non racial nin mística) que nace, como todas as nacións, coa implantación do capitalismo como modo de produción. É unha realidade que condiciona a nosa existencia como pobo e define, por tanto, o camiño que debe seguir a clase obreira, en Galicia, para acadar a súa emancipación. A emancipación do pobo traballador galego, a transformación da súa realidade, pasa por comprender a entidade nacional de Galicia.

O século XX ensinounos que, se ben a nación é resultado da imposición do capitalismo como sistema, a Patria hai que construíla. As clases populares, que nacen sen Patria, teñen a obriga de conquistala, de construíla para si. Así pasou en Cuba e Vietnam, dous pobos dignos que racharon as súas cadeas berrando «Patria ou morte!», e así pasou na URSS ou na propia Galicia, que fixeron da loita contra o fascismo unha Gran Guerra Patriótica.

A Historia ensínanos que a Patria non son bandeira e himno, senón a construción da prosperidade para un pobo: sanidade, alfabetización, traballo, cultura.

No momento actual vemos como a nosa mocidade ten que abandonar o país para buscar traballo fóra da casa; asistimos a constantes mobilizacións dun sector económico, o da industria electrointensiva, constantemente acosado e perseguido; presenciamos a destrución sistemática das ferramentas necesarias para garantir que as traballadoras da arte e da cultura poidan desenvolver a súa actividade en Galicia e para Galicia. O presente obriga a tomar conciencia: se as comunistas aspiramos verdadeiramente a conquistar o poder para a clase obreira, debemos comprender dunha vez por todas que é necesario loitar pola soberanía de todos os pobos como único medio para garantir a súa autodeterminación, como ben sinalou Lenin, que segue e seguirá vixente mentres o capitalismo siga vivo na forma de imperialismo, forma máis feroz e sanguinaria de cantas ten asumido a explotación do home polo home.

Sabemos, por tanto, que o camiño ao socialismo en Galicia pasa pola conquista da súa soberanía no político, no económico e no cultural. Queremos que o pobo o decida todo.

Esta é a única postura posible para quen se diga verdadeiramente comunista. Agora ben, como debe materializarse esa postura?

O noso país necesita, para seguir dando pasos na senda cara a emancipación, da construción dun Partido que materialice esta liña política na práctica cotiá. Un Partido Comunista, organizado segundo o modelo marxista-leninista: completamente democrático, absolutamente disciplinado, plenamente unido.

Partido Comunista non son unhas siglas. Non é unha etiqueta. Partido Comunista é a unión de todos os cadros nunha única organización capaz de transformar a teoría en feitos.

O momento actual é un momento crítico: o Réxime do 78, que tan preto estivo de esmorecer ante as constantes acometidas dun pobo farto da vella realidade, consegue reforzar a súa posición, garantindo a súa supervivencia, a súa perpetuidade.

Os fraccionalismos amósanse, unha vez máis, inútiles, do mesmo xeito que se confirman inútiles as vellas concepcións federalistas á hora de mudar o presente.

O único camiño válido para o Partido Comunista é o camiño da Independencia, que é tamén o camiño da Unidade e do internacionalismo, como ben sabían Lenin, Stalin, Mao, Ho Chi Minh, Fidel, José Díaz Ramos, Benigno Álvarez, Líster, Henriqueta Outeiro, Carmiña Graña, Castelao, Soto, Reboiras e outros moitos.

Por iso, dende Xeira, mocidade comunista de Galicia, mantémonos firmes na nosa postura: ningún trato con quen se sente a gusto no presente, brazos sempre abertos para quen quere mudalo todo.

Un ano máis seguimos a proclamar:

Independencia nacional e internacionalismo proletario! Unidade dos pobos e das comunistas! Patria ou morte!

Publicacións relacionadas