25 de abril: ensinanzas dos Caraveis

Hoxe, 25 de abril, cúmprense 46 anos dun dos acontecementos máis transcendentais na historia de Portugal. Neste día debemos preguntarnos: que fai relevante a Revolución dos Caraveis? Por que é importante para nós?

O 25 de abril de 1974 marca a fin da ditadura do Estado Novo en Portugal. Non debemos limitarnos a interpretar a Revolución dos Caraveis como punto final dun modelo que, arrastrado pola súa propia decadencia e detonado polo contexto histórico, deixa paso a un novo xeito de organizar a sociedade. Simplificar así os feitos sería un grave erro.

Moi ao contrario, o leninismo debe ir máis aló da mera esquematización da realidade, debe comprender os fenómenos en toda a súa profundidade. Precisamente por iso temos que colocar a Revolución dos Caraveis no punto da Historia que lle corresponde, afondar nas leccións históricas que pon ao noso alcance. Por que falamos de revolución e non de transición? A transición é un cambio gradual, frecuentemente deseñado polo poder vixente; a revolución é un cambio de base, na que participan as amplas masas populares. A Revolución dos Caraveis é o punto de inflexión no que as clases dominantes que gobernaban Portugal ven como todo o seu modelo político cae, derrubado, ante a mobilización masiva das masas populares. A Revolución dos Caraveis é o momento crítico no que a ditadura deixa paso á república e a burguesía, despoxada das súas ferramentas terroristas de dominación, busca outros medios para asegurar o seu control sobre a sociedade, establecendo a democracia burguesa.

Que diferencia esta revolución dunha transición como, por exemplo, a que ten lugar en España? O caso do Estado español é especialmente vergoñento, pois xa nos últimos anos de vida de Franco asistimos aos movementos oportunistas das clases dominantes que, sabedoras de que o seu modelo non pode dar máis de si e temorosas dunha presión popular cada vez maior, que acada a súa máxima expresión nos diversos exemplos de violencia revolucionaria que inundan o Estado, emprenden unha serie de cambios que rematarán por cristalizar no réxime do 78.

A comparativa deixa claro por que debemos celebrar o 25 de abril: mentres que na Revolución de Portugal as masas populares conseguen desbordar os diques construídos pola burguesía e obrigala a reposicionarse para non ser arrastrada polo cambio, na Transición española as elites dominantes conseguen drenar as ansias de cambio dunhas masas populares que esixen a emancipación da súa clase e das diversas nacións sometidas que aínda hoxe seguen a compoñer o Estado.

O 25 de abril de 1974 o pobo portugués, cun golpe certeiro, decisivo, deixou patente que o progreso existe, eliminando a costra da ditadura e levando á burguesía ao límite das súas forzas.

A democracia burguesa é o punto máximo de tensión ao que pode chegar o modelo capitalista, o punto no que a burguesía debe esforzarse por simular consenso, o momento no que as elites vense obrigadas a disfrazar a furia asasina que, sempre que poden, desatan contra as clases populares para mantelas sometidas. Pero a tensión debe ir a máis, debe chegar ao máximo da súa capacidade, facendo rachar a cadea. Nós sabemos que só hai unha Historia, camiño que percorren todos os pobos da Terra, e que esa Historia ten forma de espiral, unha espiral que non deixa de xirar e que nunca para de expandirse. E nesa espiral da Historia, despois do goberno da burguesía, en calquera das súas formas, está o goberno do proletariado, que non é outra cousa que o verdadeiro poder do pobo, a democracia sen apelidos, a liberdade plena.

O leninismo sabe ben que, baixo o poder burgués, calquera reforma debe estar encamiñada a fortalecer o proxecto revolucionario do proletariado. Nós, como galegos, habitantes dunha nación sometida, sabemos que aínda temos que percorrer ese camiño pola espiral que xa percorreu Portugal antes que nós: temos o deber de lograr que, onde agora hai monarquía, florezan repúblicas. E non perderemos de vista que nese camiño, cada paso que deamos debe estar orientado a chegar a aquel obxectivo no que fixamos a nosa mirada: cada paso cara a república debe ser un paso cara o levantamento das masas populares e o fortalecemento do seu proxecto revolucionario, expresado no Partido Comunista.

Por todo isto sabemos que a Unidade é a arma da vitoria popular.

Venceremos!

Publicacións relacionadas