14 de abril: ensinanzas republicanas

En 1930, ante unha oposición cada vez máis organizada e sen apoios no exército que garantan a súa ditadura, Miguel Primo de Rivera dimite, nun contexto de marcada crise institucional.

Nun último intento de manter a estabilidade monárquica, asumen a ditadura o Xeneral Berenguer, primeiro, e o almirante Juan Bautista Aznar, en segundo lugar. Malia todo, isto dura menos dun ano e, o 12 de abril de 1931, as eleccións municipais deixan claro que os piares políticos e sociais do Réxime borbónico atópanse nun serio problema.

Así, o 14 de abril de 1931, hai 89 anos, constitúese un goberno provisional e a II República é proclamada en diferentes cidades do Estado, sendo Eibar a primeira delas.

A Segunda República, meses despois da súa constitución, entra nas súas primeiras eleccións, nas que se imporá unha opción de aspiración progresista que gobernou durante dous anos establecendo como piares do programa de goberno a reforma agraria e a militar.

Neste período faríase evidente a inestabilidade política que atravesaba o Estado. As insurreccións anarquistas da CNT (algunha involucraba a Cataluña, deixando entrever un problema territorial aínda vixente) precipitaron a perda de apoios populares e a caída deste primeiro goberno democrático-burgués, destacando os Sucesos de Casas Viejas en Andalucía, insurrección cun marcado carácter agrario

En 1933, sen chegar a cumprirse o período para a convocatoria de novas eleccións e debido á inestabilidade institucional, a opción conservadora imponse electoralmente, destacando a CEDA, que xa daquelas coqueteaba co fascismo italiano. Así comeza o Bienio Negro, período no cal se agudizan as contradicións nacionais e de clase no seo do Estado español. E así, en 1934, as principais organizacións obreiras conflúen na coñecida como Alianza Obrera (PSOE, UGT, CNT e PCE), que protagonizará a Revolución de Asturias, finalmente afogada pola brutal intervención militar dirixida por Franco e Goded.

En Cataluña ten lugar a proclamación do Estado Catalán, que rematará aplacada tamén polos militares, con Lluís Companys e os membros do seu goberno condenados a prisión.

Ata 1936, constituíronse numerosos gobernos con gran protagonismo do Partido Republicano Radical e a Confederación de Dereitas Autónomas, marcado por unha nova reforma militar e a contrarreforma agraria, que obedecía aos intereses dos grandes terratenentes, véndose un claro deterioro nas condicións de vida do campo nun Estado no que as organizacións sindicais no eido rural, principalmente a CNT, tiñan unha gran implantación. Neste período a Dereita tamén puxo sobre a mesa unha revisión da Constitución.

En febreiro de 1936 a inestabilidade durante o goberno dos conservadores desemboca na vitoria da Fronte Popular, na que se atopaban a meirande parte das forzas progresistas no contexto no que se formulan as teses antifascistas de Dimitrov na III Internacional. Cabe destacar a grande importancia de Cataluña na formación deste goberno, onde se presentaba a Fronte de Esquerdas de Cataluña que pediu no resto do Estado o apoio para a Fronte Popular.

O goberno da Fronte Popular, que rematou en Xullo, durando só cinco meses, establece a amnistía para os presos políticos, deixando en liberdade a Lluís Compayns e os seus conselleiros ademais da restitución dos Concellos vascos suspendidos en 1934.

En Galicia cabe destacar o papel do Partido Galeguista, con figuras como Castelao e Alexandre Bóveda, que nun contexto de loita polo Estatuto de Autonomía para Galicia, integrarase nas eleccións de febreiro na Fronte Popular. Nas eleccións, o PG obterá tres representantes, pero tamén terá lugar a escisión do sector de dereitas (Dereita Galeguista), que non dubidará en apoiar aos sublevados durante a Guerra Civil. Esta división entre galeguismo conservador e progresista permanecerá vixente incluso tras a morte de Franco, xogando o piñeirismo un papel fundamental na construción do Réxime do 78.

A II República constitúe, por todo o visto, un exemplo histórico de grande importancia na actualidade, non só para o marxismo, senón para todas as forzas progresistas, pois deixa claras unha serie de leccións que non podemos esquecer: de nada serven as propostas tibias, pois nos momentos decisivos, o verdadeiro antagonismo sempre ten lugar entre as clases dominadas e as clases dominantes, a dicotomía non é outra que transformar ou conservar a realidade, non existe un proxecto intermedio. Do mesmo xeito, a experiencia da Segunda República amósanos claramente que o fraccionalismo político é un arma nas mans da reacción para dinamitar os proxectos transformadores das clases populares, que só poden ter lugar cando existe Unidade Popular.

 A Guerra Civil deu inicio a un período que marcou a tradición política en todo o Estado Español e que, co xurdimento do anti-franquismo nos 60 en España e nas nacións sen Estado, acada a súa forma definitiva, dando lugar tanto ás forzas políticas coas súas orientacións e proclamas concretas, como ás súas eivas e traumas, resultado de case 40 anos de escurantismo e de continuísmo (e escurantismo de novo).

Como se dicía e se segue a dicir nos novos tempos que corren “Non Pasarán!”, e é que a pesares de que as condicións materiais e históricas do momento propiciaran a vitoria momentánea da reacción, a dialéctica é clara e o capitalismo, a medida que progresa, cava a súa tumba, tanto pola contradición capital-traballo no seu sentido máis clásico e primitivo, coma no contexto do capitalismo de fase imperialista que vivimos a día de hoxe e o máis recente post-fordismo.

A época das revolucións proletarias acaba de comezar. A aparición do socialismo representa unha necesidade histórica que emana do propio desenvolvemento obxectivo da sociedade. Isto é algo inevitable. As contrarrevolucións, os obstáculos que saen ao paso, poden prolongar por certo tempo a vida do caduco sistema explotador, pero son impotentes para conter o avance da sociedade humana cara ao seu porvir socialista.

A Unidade é a arma da vitoria popular! Venceremos!

Publicacións relacionadas