10M: Conquistando o futuro para a nosa clase

Hoxe, 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, conmemórase a morte dos sindicalistas Amador Rey e Daniel Niebla en 1972, en Ferrol, a mans dunha policía ao servizo da barbarie máis brutal.

O comunismo galego sabe que pouco aportan os salmos e a liturxia se non van acompañados da construción dun proxecto emancipador e patriótico. E nós, como mocidade comunista galega, pensamos que non podemos render outra homenaxe aos que deron a súa vida pola clase obreira, que comprometernos a avanzar día a día na senda da liberación do noso pobo, camiño que nunca se desanda.

Concluímos, por tanto, que hoxe non é un día de mera efeméride, hoxe é un día de obrigado balance para o conxunto das forzas progresistas galegas, balance imposto pola Historia e polo sacrificio dos que viñeron antes, que morreron, pero non foron vencidos.

E que ensinanzas podemos extraer deste día, 48 anos despois da morte dos compañeiros Amador e Daniel? En primeiro lugar, a certeza de que a liberdade é un proxecto vital, de que loitar pola liberdade é loitar pola vida, e iso implica entregar a vida enteira á tarefa cotiá de transformar o mundo, polos ideais de xustiza que xa defenderon outros antes que nós. A segunda ensinanza desta data ven indicada polo seu nome, a loita non é individual, nin dunha facción, nin fraccionalista: o que nos ocupa é un proceso mediante o cal a nosa clase e a nosa nación toman as rendas do seu propio futuro, converténdose en donas do seu traballo e do seu tempo. A ensinanza final non pode ser outra máis que a certeza de que clase e nación, no caso de Galicia, son o mesmo, pois a loita de clases en Galicia materialízase na loita das clases populares galegas contra os explotadores que azoutan España, e que amosan especial interese en manter a unidade do Estado español, do mesmo xeito que o lobo se relambe cando se atopa ante o rabaño indefenso.

Contra a unidade da corte imposta polos explotadores, que buscan someter á nosa clase e negar a nosa nación, o noso proxecto é a Unidade Popular, a única arma que racha as cadeas que nos atan, a única que clarifica a situación e deixa ver o conflito tal e como é: a xente de abaixo contra os lobos de arriba, en disputa polo poder. Por iso pensamos que o único berro verdadeiramente patriótico é o berro da nosa clase:

O futuro é noso! Viva Galicia Ceibe e socialista!

Publicacións relacionadas