1 de maio: unha clase, un partido

Hoxe, Día da Clase Obreira, é preciso reivindicar a estrita necesidade coa que clama o presente á organización do proletariado para concentrar toda a nosa forza e rabia contra un modo de produción que cada día sofistica máis os seus perversos métodos para esmagar a nosa dignidade. Non é abondo con reivindicar o 1º de maio en abstracto e no ton litúrxico co que o capital pretende disimular esta data. É por contra preciso facer énfase no fío da historia que une aos mártires de Chicago cos mártires do salario que hoxe somos: a apropiación sistemática do noso traballo pola burguesía e a inxustiza sistémica dunha formación social que rubrica a nosa vida baixo un contrato social monopolizado pola violencia. A burguesía liberal clama libremercado, mais nos preguntamos: que liberdade pode existir cando nos vemos forzados a traballos cada vez máis precarios? Para os nosos inimigos de clase, ser libre é ser propietario, e aí a trampa deste perverso modo de produción: só os propietarios poden ser verdadeiramente libres, mais que pasa con nós, os desposuídos?

Se ben a situación excepcional de confinamento coa que chegamos a este 1º de maio incapacita tomar as rúas, non nos imposibilita seguir  a trazar a estratexia de emancipación da clase obreira. Nunca antes, nin no crac do 29, nin no período de entreguerras, nin na crise financeira do 2008  houbo unha crise de produción do capital que implícase un parón na produción tan longo como o que estamos a vivir actualmente a causa da pandemia do coronavirus. O impacto na economía desta situación é dramática e predí unha caída inmensa na taxa de ganancia, á cal por suposto a burguesía non está disposta a renunciar. O capital xa está rearmando a súa ofensiva e só encamiña unha vía: a acometida inminente e feroz contra a clase traballadora.

É debido a esta conxuntura histórica máis preciso que nunca clamar pola organización política da nosa clase. O capital é consciente que o maior perigo para a súa supervivencia é precisamente a unidade dos explotados. Marx e Engels xa nos deixaron claro que o capitalismo, á vez que se reproduce, crea o suxeito chamado a derrocalo: o proletariado, a clase obreira. A súa obsesión para sobrevivir pasa por dividir as nosas filas, reducindo a nosa forza destituínte. Contra as súas pretensións, sabemos que os nosos intereses só se defenden mediante a nosa unión e organización.

En Galicia, esta unidade pasa por apostar pola construción do Partido Comunista. Un Partido forte, que sexa capaz de tecer a contraofensiva ao proxecto do capital e exerza así  de dique de contención perante unha crise económica que, desta vez, non imos pagar nós.

Entendemos que isto só pode significar seguir o legado de construción do comunismo independentista galego para avanzar nos vieiros abertos historicamente pola UPG antes de ser secuestrada por outra clase, a UPG-lp, o PGP, Galicia Ceibe, o PCLN e a FPG, a nosa organización referente e da que non sentimos máis que orgullo por camiñar xuntos. Recoñecémonos nesta senda percorrida ao longo de case 60 anos. Erguendo a bandeira do comunismo independentista en 1978 por primeira vez no noso país. Mantendo o lume acendido no peche de filas do Réxime e as súas marxes subalternas durante a transición e os anos 80. Apoiando dende o internacionalismo proletario os procesos de liberación social e nacional doutras partes do Estado e do mundo cando estes eran marxinados por outros espazos. Mantendo a aposta da Fronte Ampla das maiorías sociais como compromiso estratéxico e irrenunciable. Loitando, sen descanso, por un futuro libre de opresión, polas nosas vidas.

Porén, a organización, a vangarda, o Partido, non poden quedar só niso; nunha defensa momentánea e curtopracista da acometida do capital nun momento concreto. Comeza agora unha nova etapa histórica dun imperialismo en descomposición onde as contradicións se agudizan cada vez máis aceleradamente. É preciso abrir fenda. Insistir no camiño do arredismo de clase da nosa liña histórica para rachar finalmente co Réxime do 78 materializado na nosa patria nun colonialismo feroz que nos asoballa e só ten unha vía unilateral de superación: a República, o socialismo e os procesos constituíntes.

Clamamos pois pola construción dun Partido forte que recolla o legado e avance nas teses da nosa liberación e iso só significa unha cousa: Unidade Popular. Posición Soto. Organización obreira. Non é posible derrotar o capital en tanto en canto a clase obreira siga fragmentada e desorganizada.  É preciso facer énfase no contexto sociopolítico da actualidade, a  necesidade de reconstrución dun novo bloque histórico; dunha nova orde social. Aumentar as nosas filas para que non haxa ningún comunista sen organizar. A necesidade leninista que encamiñe a nosa liberación é pois clara: unha clase, un Partido. Un único camiño: construír unha Fronte Popular ampla, libre e democrática que reorganice a nosa rabia no camiño das Repúblicas da dignidade.

No 1º de maio, pola República Socialista Galega e polo Partido que a constrúa; que viva a loita da clase obreira! Paso curto e vista longa organizando a vitoria!

Publicacións relacionadas