Xeira apoia as Marchas da Dignidade

baner-22m--feito

Hai momentos históricos que poden resumirse cunha consigna, hai frases que son capaces de recoller a rabia e a indignación dun pobo e a súa vontade de organizarse e loitar por un cambio social. Ese eco que resoou en Moscova en outubro de “PAN, PAZ E TERRA”, ese berro “PATRIA OU MORTE” que liberou a unha pequena nación do caribe das garras do imperialismo, ameaza con arrasar Madrid o vindeiro 22 marzo. Cada día sorpréndennos cunha nova morte, ou máis ben un novo asasinato, xa sexa por non ter onde durmir, que comer ou de que vivir. A deshumanización deste sistema chegou a tal grado que se dispara e se deixa afogar a aquelas e aqueles que viven no outro lado dun valado. E mentres os e as traballadoras pasan fame, as grandes fortunas non fan mais que incrementar as súas ganancias, a igrexa fai lei da súa moral castigando dereitos e o Estado encarcera a sindicalistas e manifestantes.

Ningún destes feitos é ao chou, todos responden a unha estratexia das elites económicas capitalistas. As súas agresións non pararán até que nós sexamos quen de paralas e darlles unha reposta. Á clase traballadora só nos quedan dúas cousas, organizarnos e loitar. Por iso desde a mocidade comunista e independentista organizada en Xeira animámosvos a participar activamente nas Marchas da Dignidade. Que sirvan de espazo de unidade e confluencia para todas e todos, que sirvan como método de aglutinación de forzas, e sobor de todo, que dean un exemplo da dignidade e orgullo das capas populares galegas.

Porque nada pode este Estado contra as ansias de dignidade do pobo que encherá as rúas e reclamará o que é seu: PAN, TRABALLO E TEITO! VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!