Vitrasa: Se o suben, eu non subo.

Vitrasa (2)

Nos últimos tempos estamos a padecer como os gobernos de turno agasallan a empresas amigas concesións de servizos públicos coa excusa do aforro. Faise a nivel estatal, faise a nivel nacional e, como non, municipal. Para nós calquera tipo de concesión é unha estafa. E neste caso, o servizo de transporte público municipal de Vigo, unha mina de ouro para a concesionaria, que pode deixar a calidade ao seu criterio e velar únicamente pola rendibilidade do negocio, aumentando os prezos deste servizo básico e así embolsar abondosos beneficios, mentres as traballadoras e traballadores están cada vez máis explotad@s para que a maquinaria non deixe de dar cartos.

O Cadro de Persoal de Vitrasa vén de denunciar a excesiva xornada laboral, que según afirman ascende, nalgúns casos, até as 10 horas. Para este 2014, está prevista a negociación dun novo convenio para o cal xa se precisaron as bases na folga indefinida do mes de decembro de 2012. Nesta folga reclamábase o cumprimento do horario legal de 8 horas e que aumentasen os días libres, xa que até o de agora só están a descansar cada 8 días consecutivos de traballo.

Mais isto non fica aí. O Concello de Vigo, que ten un convenio coa empresa desde 1994 até o 2019, no último ano ¨investiu¨ nela 10,4 millóns de euros públicos, porén as condicións que se lle esixen a Vitrasa son insignificantes e conseguen facer máis negocio se cadra, a costa dun servizo que debera ser 100% público. No ano 2012 a empresa Avanza, propietaria naquel tempo de Vitrasa, facturou 400 millóns de euros de beneficio. Actualmente, pola nefasta xestión desta macroempresa  de servizos e as múltiples débedas que viña adquirindo, foi vendida ao mellor postor: A megaempresa mexicana ADO.

Coa entrada do 2014, máis espolio ao pobo de Vigo. Vitrasa acaba de subir 8 céntimos de euro o prezo da viaxe; dos 1,24 euros (un atraco) pasa a custar 1,32 (a man armada).

Entre as medidas austericidas para este novo ano, destaca tamén a retirada da tarxeta verde ás persoas que non estean empadroadas no concello. Non o consentimos, xa que consideramos fundamental un transporte público que integre ao conxunto da área metropolitana, ben xestionado e de gran alcance. Moitos d@s traballadores/as, estudantes e desempregad@s, teñen a súa residencia fóra dos lindes municipais por mor do elevado prezo da vivenda na propia cidade e teñen a necesidade de desprazarse en autobús.

Cremos necesaria a creación de novas liñas que conecten máis barrios de Vigo entre sí, e non só pensadas para a rendibilidade e o consumo, con destino ao centro da cidade. Neste sentido, apoiamos a solicitude que se lle fixo ao Concello fai un mes, mediante recollida de sinaturas, para que amplíen o número de liñas que suban ao campus da Universidade de Vigo. Tamén apoiamos a loita polas condicións laborais dos traballadores e traballadoras, que polo de agora saldouse cunha pequena vitoria: A paralización do aumento de 1750 horas ao ano a 1800, polo que fica constatado que a mobilización é o único camiño.

A mocidade organizada en Xeira reclamamos para a cidade de Vigo un transporte público real, que ofreza un servizo gratuíto e de calidade, accesíbel para todas as persoas.

Demandamos a municipalización do servizo XA!