Unidade Popular e República: Castelao

CASTELAODEFDEFAlguén definiu unha vez o marxismo como conxunto de ferramentas empregadas para a análise científica e posterior transformación da nosa realidade. Se tomamos como válida esta definición para a nosa praxe política, estamos aceptando tamén a teoría marxista do coñecemento tal e como a enuncia Mao Tse Tung en Sobre a práctica: a teoría debe, necesariamente, emanar dunha análise sosegada da práctica precedente, para despois poder volver a ela. E nós, como marxistas, facemos noso este método porque sabemos que é o único que conduce a un coñecemento válido.
As tarefas que a realidade galega impón ao comunismo no marco da nosa nación requiren dun esforzo duplo na empresa de analizar a práctica precedente, ca fin de garantir que non existen eivas na nosa teoría, pois debemos afrontar o reto que supón calquera tipo de análise científica ao tempo que combatemos a deturpación sistemática á que os nacionalismos someten o pensamento e papel histórico dos pensadores progresistas galegos. E falamos aquí do nacionalismo español, por suposto, pero tamén do nacionalismo pequenoburgués galego, que lonxe de aprender da práctica, dos erros e virtudes dos que viñeron antes, limítase a santificar a calquera que encaixe minimamente no seu panteón, fabricando iconas relixiosas, santos aos que render culto.
En 1938 Castelao fai esta confesión a Lois Soto, que se publicará nas páxinas de Nueva Galicia: «Yo no soy comunista. No sé si tengo condiciones para serlo. No sé si pesan sobre mí prejuicios adquiridos en la infancia y en la lectura de libros venenosos».
E a través de Castelao, tomando esta cita como base, analizaremos nós o papel que deben xogar as contribucións dos intelectuais progresistas galegos que nos preceden. E escollemos a Castelao porque indubidablemente é o pensador galego máis totemizado e fetichizado na construción do discurso nacionalista, ben sexa para demonizalo ou para facelo santo, pero sen distanciarse nunca das lóxicas do discurso pseudorrelixioso.
O de Rianxo aporta, na frase seleccionada, unha das chaves máis importantes que debemos ter en conta á hora de valorar o papel dos que emprenderon antes que nós a senda da emancipación nacional. Pois, se ben nós sabemos que a día de hoxe, o marxismo-leninismo é a única ferramenta científica capaz de garantir a independencia da patria e a emancipación nacional, para chegar a este punto foi necesario un proceso previo, dialéctico e baseado na superación de contradicións. Moitas das cales seguen abertas, ficando outras xa resoltas. Así, non resulta complexo atopar partes do pensamento de Castelao, ou de outros autores, que son incompatibles co proxecto independentista no século XXI. A incomprensión da dialéctica, xunto coa asunción de posturas simplistas ou mal intencionadas, pode traer como resultado dúas posibles interpretacións da teoría formulada polos pensadores que nos toca abordar hoxe, ambas igual de erróneas:
Por unha banda, temos a negación da totalidade da obra dun autor en base a prexuízos que emanan de eivas propias emanadas do contexto concreto. Tomemos outra vez o exemplo de Castelao: no contexto da Europa de entreguerras, Sempre en Galiza nace como unha obra na que a narrativa étnico-racial dominante nos nacionalismos europeos exerce un influxo considerable. Ben sexa para negala ou para darlle resposta, Castelao remata subalternizando o seu discurso, en numerosas ocasións, a estes postulados que nós, hoxe en día, consideramos directamente indignos de figurar en calquera debate. A reacción, sempre estreita de miras, rexeitará a totalidade da obra en base a citas concretas, negando a validez do pensamento de Castelao para o progresismo galego nun exercicio que responde aos intereses das elites dominantes do Estado Español, sempre temerosas da emancipación dos oprimidos.
Por outra banda podemos identificar unha tendencia interpretativa moito máis perigosa, pois é máis común. Estamos a falar da aceptación da totalidade da obra dos pensadores que nos preceden, un exercicio acrítico mediante o cal a teoría revolucionaria fica convertida nun elemento estático. E o estático, o que non cambia, é reaccionario por definición. Así, podemos observar como o nacionalismo pequenoburgués, mediante o monopolio do pensamento progresista dos intelectuais galegos dos séculos XIX e XX, reduce a causa da independencia nacional a unha caricatura, a unha especie de performance costumista, nunha recreación histórica máis propia dunha feira que dun espazo político serio. Así, o pensamento galego fica confinado na gaiola do pasado, sen adaptarse nunca á realidade do presente. Este exercicio adoita ir acompañado dunha meticulosa poda da figura
que se pretende sacralizar, dunha deturpación sistemática do seu ideario. Así, para o nacionalismo galego máis rancio, o pensamento emancipador de Castelao fica reducido ao rexeitamento de todo o Español, cando el soubo sempre cales eran os inimigos –as elites reaccionarias do Estado Español– e quen era o aliado –os traballadores revolucionarios de todos os pobos do mundo, incluída España–. Así quedou demostrado en numerosas ocasións polo de Rianxo, que pese a militar no Partido Galeguista, nunca dubidou á hora de colaborar cun PCE que, daquelas, era netamente revolucionario, e do que formaban parte cadros tales como Lois Soto ou Enrique Líster.
Castelao é un intelectual do que temos moito que aprender, pois soubo, pese a non ser marxista, aceptar a validez da definición de nación proporcionada por Stalin e apostar, a maior parte da súa vida, por unha estratexia baseada na Unidade Popular como única estratexia válida no camiño da emancipación.
Aprendamos por tanto de Castelao, e do resto de intelectuais e figuras progresistas que Galicia deu ao longo da súa historia, sen reducir a súa figura á mera caricatura. Comprendamos que unicamente no momento en que sexamos quen de rachar co isolacionismo pequenoburgués, integrando os aportes dos nosos intelectuais progresistas na tradición universal do marxismo, seremos quen de cumprir co noso deber patriótico: acadar a independencia nacional de Galicia no marco do internacionalismo proletario.