Unidade Popular e República: 25 de Xullo, Día da Patria.

Ddefdefdefdefdefdefdefende Xeira coma mocidade comunista galega e polo tanto, independentista e patriota; coidamos que é preciso reflexionar colectivamente sobre os propios significantes hexemónicos de nación e patria establecidos no imaxinario da nosa clase. Comprendemos que para avanzar posicionamentos teóricos debemos levar o 25 de Xullo “Máis Alá” facendo do día unha xornada de impugnación á ideoloxía que supere a habitual liturxia panfletaria que frecuenta a reflexión pública nesta data.
Entendemos por suposto que a única opción contra o capital é a rutura co Réxime borbónico do 78 que reproduce no noso país unha situación socioeconómica colonial impedindo o desenvolvemento dos medios e forzas de producción tendo en consecuencia ao noso pobo nunha parálise perante o seu desenvolvemento histórico coma nación e asegurando o mantemento dunhas relacións de producción caducas pendentes tan só da creación de plusvalías para unha burguesía estranxeira a costa do espolio das nosas vidas e do noso tempo. Defendemos en consecuencia a tese de que esta situación só vai poder ser superada baixo unha vía unilateral politicamente: a proclamación da República Socialista Popular Galega.
Así é todo, comprendemos que concluir que a afirmación de que “a única saída é a República Galega” ten certo sentido tautolóxico. É dicir, dende unha análise socioeconómica de clase do noso país deducir univocamente a posición independentista é practicamente evidente mais articular un discurso independentista que se volva hexemónico xa non o é tanto e nesas liñas debe ir o noso pensar. Do mesmo modo que en termos abstractos o marxismo-leninismo non conclúe simplemente que “o problema é o capitalismo” senón que achega toda unha serie de procesos e mecanismos para a súa superación coma a socialización dos medios de producción etc, tamén nós temos o deber histórico de facer unha análise científica da realidade galega que supere os habituais radicalismos estéticos que simplifican o paradigma político en exceso e conclúen estratexias políticas pouco definidas sen contacto coas clases populares.
Con ese propósito, é preciso reiterar o que os comunistas entendemos por nación e por que Galicia o é impugnando toda desviación idealista desa concepción da “cousa nacional”. Debemos lembrar sempre que Galicia é unha nación no sentido no que Stalin a definiu en “O marxismo e a cuestión nacional”. Esa mesma definición de nación que logo Castelao fixo propia cando un xove Lois Soto que exercía de secretario lle fixo chegar a obra. É preciso afondar nesa concepción tendo en conta as derivas pequenoburguesas do nacionalismo galego e o modo no que mancillaron o que orixinalmente Castelao entendía por nación, pois semella que na actualidade ou se lles esqueceu tal raíz histórica da concepción nacional de Galicia; ou fixeron por esquecela en certos espazos políticos.
Galicia é unha nación en tanto en canto é un conxunto de persoas cun territorio estable e definido que comparten unha lingua, unha cultura e un mercado en común. Ora ben, para definir a táctica e a estratexia revolucionaria un debe comprender as particularidades que definen estas características de Galicia como nación. No noso caso, Galicia é unha nación onde nunca se deu o desenvolvemento histórico preciso para a consolidación dunha burguesía autóctona de modo tal que o mercado galego está monopolizado historicamente por unha burguesía, a española, que é estritamente estranxeira.
Sobre ese paradigma, a articulación discursiva do espazo nacionalista implicou unha concepción nacional que padeceu (e padece) de dúas desviacións ideolóxicas principalmente:

1) A análise nacionalista ridiculamente simple de que Galicia é unha nación asoballada polo estado español baixo as mesmas lóxica que Euskalherria ou Cataluña –onde si existe historicamente unha burguesía autóctona que se desputa o mercado coa burguesía española– .
Baixo esta premisa, a estratexia a seguir de certos espazos políticos baseouse nun burdo “copia e pega” do modelo vasco ou catalán de modo que a hipótese indispensable para acadar a independencia implicaba a creación previa desa inexistente burguesía autóctona que en Euskalherria ou Cataluña existía. Nós coma comunistas entendemos isto coma unha lectura fatal e gravísima e por suposto rexeitamos a estratexia polo simple feito de que nunca existiu unha experiencia historica de liberación onde facilitar a creación da clase antagónica á nosa –aínda compartindo identidade nacional– supuxera progreso senón todo o contrario. Si existen, por contra, un sinfín de experiencias (Cuba, Arxelia, China, Vietnam….) onde as nación colonizadas acadaron a súa independencia aliándose coa pequenoburguesía nacional, mais nunca pulando pola súa evolución en clase en si e para si. Facer bonecos de barro con complexo de Golem é de por si reaccionario e absurdo a partes iguais.
Esta lectura da pequenoburguesía nacional xa aconteceu antes na historia. E así o proban estas verbas do camarada Ho Chi Minh ao respecto da situación vietnamita e que nós coma comunistas galegos suscribimos :
“Na mente dos nativos, bolchevismo –palabra contaminada pola verborrea da burguesía– significa destrución de todo ou emancipación do xugo estranxeiro. O primeiro sentido que se lle dá a palabra asusta á ignorante e temerosa masa; a segunda, lévaa ao nacionalismo. Os dous sentidos son igualmente perigosos. Só unha pequena porción da intelectualidade sabe o que significa comunismo. Pero esta xente pertence a burguesía nativa e respalda ao burgués colonialista e, polo tanto, non ten interese en que a doutrina comunista sexa entendida e divulgada. Polo contrario, coma o can da fábula, prefire levar a marca do colar e asegurar o seu pedazo de óso.
2) A outra deriva baséase na concepción idealista da “cousa nacional”, baseada no mal coñecemento do que erixe a un pobo coma nación. Pois, coma dixemos antes, unha nación constitúese por un conxunto de persoas establecidas nun territorio cunha lingua, unha cultura e un mercado en común. Se ben o anterior erro pasaba por obviar a complexidade do resto de facetas que sustentan a loita ideolóxica e a política caendo no economicismo, esta peca de xustamente o contrario: entender a nación coma un conxunto de persoas relacionadas só nun plano estritamente cultural.
Esta é a gran deriva que suscita a concepción esencialista de nación onde o discurso monopolízase nun sentimento de pertenza a unha serie de costumes e tradicións etnorraciais comúns: o gusto polo folklore tradicional, o apego á terra coma un ente inmutable e estático…
Ao noso entender tamén esta posición semella un erro á hora de articular discurso posto que é evidente que peca de non comprender a dimensión económica transversal á “cousa cultural”. Por unha banda, a imparable globalización implica transcender a cultura autóctona e folklórica que tenta apegarse a un relato vencellado á estética do pasado e que en modo algún vai conectar coas novas xeracións galegas. A estratexia a seguir debe ser polo tanto a creación dunha nova cultura nacional e popular que supere as formas históricas do pasado e empregue novas vangardas e as actuais correntes estéticas do momento histórico presente.
Por outra banda, no que concirne á concepción da Terra como paraxe identitario e estático de beleza galega nacional, semella lóxico dende un punto de vista materialista e hegeliano ser quen de considerar o ecosistema –a propia terra na que habitamos– como algo que está dialecticamente en transformación (así por exemplo acometer unha guerra contra o eucalipto baixo a premisa de que o carballo é unha arbore “máis galega” -coma se iso sequera tivera sentido– sen faceren unha análise económica do por que esa mutación sistémica no medio ao respecto do estrato de clase é ridículo).
Por todo isto, concluímos que é preciso resignificar o que entendemos por patria baixo a concepción de nación e recuperar o sentido materialista do termo evitando caer nas derivas antes citadas. É dicir, sendo sempre conscientes da dimensión de clase e a mutación dialéctica que subxace en todo conflito político sen obviar endexamais ningún dos tres planos da loita; nin o económico, nin o político, nin o ideolóxico. Debemos pular pola lectura dos erros acometidos na construción discursiva do pasado e corrixilos mantendo sempre ese equilibrio funambular superando as falsas dicotomías de natureza puramente ideolóxica que seguen a ler calquera movemento no terreo nacional baixo un eixe españolismo-galeguismo. A nosa vitoria de clase van precedida sempre da superación da ideoloxía baseándonos nos principios básicos que nos moven e que sabemos, sempre, vencen.