Tumbar a LOMCE, para tumbar o capitalismo!

O vindeiro día 20 de febreiro está convocada unha folga estudantil. Dende XEIRA entendemos que as problemáticas e as agresións ás que nos enfrontamos estes anos, a EU2015 e a LOMCE, non deben ser esquecidas. Todo este proceso de privatización, deterioro e destrución ao que a educación pública se ve sometida polas medidas dun capitalismo cada vez máis voraz, maniféstase con independencia da cor do goberno, respondendo exclusivamente aos intereses dunhas elites financeiras que intentan controlar a educación e o acceso a mesma, impedindo que nós, a clase traballadora, poidamos construír o noso futuro.
A educación actual diríxese cada vez dunha maneira máis clara á perpetuación do sistema, inculcando na futura xeración de obreiros a devoción cara o réxime capitalista reducindo, por un lado, a importancia das materias relacionadas coa creación dunha opinión propia e crítica nxs estudantes; e reforzando, por outro, aquelas materias científicas que poidan aportar un beneficio inmediato no mercado.

A folga é unha ferramenta desvirtuada incesantemente dende o poder, sendo este consciente de que supón unha forte unión dos sectores críticos co actual sistema.  A educación é o piar básico da sociedade e é, por medio dela, que nos intentan engaiolar, desmoralizándonos e transmitíndonos prexuízos burgueses. XEIRA chama a todo o estudantado a unirse no camiño cara a creación dunha sociedade máis xusta. O estudantado consciente loita polos dereitos colectivos. Cremos firmemente na necesidade dun movemento estudantil unitario e combativo.

Non estamos dispostas a permitir: a suba de taxas, a dependencia das universidades e das escolas de axentes privados, as cada vez máis numerosas subvencións a colexios fomentadores da desigualdade e da separación por sexos, o maltrato consciente aos pobos e a súa cultura, a perda de autonomía e capacidade de toma de decisión do profesorado, a dependencia das subvencións ao expediente académico, etc.
En definitiva, de non loitar no presente,a educación que se nos presenta nun futuro inmediato é unha educación privada e privadora, adoutrinadora dun sistema capitalista no que non acreditamos.

Esta non é unha loita sectorial, nesta loita reside o futuro dunha sociedade máis xusta e libre!

Viva a loita da clase obreira!
Viva a loita estudantil!

LOMCE2