Sororidade

0000000-g-1

O individualismo é un produto do capitalismo para fomentar a competitividade entre iguais que supón unha eficaz arma para a disociación de intereses, o que Marx chama alienación. En consecuencia darase a desmobilización das clases populares, entendendo deste xeito que só existen intereses individuais e obviando que estes intereses responden ós intereses de clase, freando deste xeito a emancipación da clase obreira.

Nas mulleres dita competencia non só será necesaria para soster a estrutura de clases senón que tamén a estrutura patriarcal. Dende pequenas a competitividade e a desconfianza é algo intrínseco na educación feminina que pasará a ser parte fundamental da nosa ideoloxía. Posteriormente isto reforzarase mediante a cultura orientada ao consumo feminino e ás propias relacións persoais. Consecuentemente, entenderemos que as mulleres somos inimigas entre nós para a fin de contas satisfacer os intereses do patriarcado: continuarmos levando a cabo as tarefas reprodutivas pero, como se diría coloquialmente, “cazando o mellor partido posible”.

Sen embargo, as loitas obreiras lograron superar este individualismo entendendo que para acadar os intereses de cada traballador e traballadora é preciso acadar os intereses de todos e cada un dos homes e mulleres que se atopaban baixo as mesmas condicións de explotación, desenvolvendo colectivamente a loita por acadar ditos intereses nos eidos político, económico e ideoloxico que levarían consigo a destrución do sistema de clases, e á par apoiándose nas súas relación persoais, xa que dita loita non se trata dun camiño doado. Sen embargo as mulleres debemos dar un paso adiante e superar dito individualismo entendendo que a destrución do patriarcado só a acadaremos entre todas.

Unha das grandes dificultades do feminismo para aglutinar forzas é que moitas mulleres desenvolven a súa vida no “ámbito privado” do fogar onde a socialización é minima e entenden ó resto de mulleres como inimigas a causa da súa dependencia respecto do home. A isto súmase que as mulleres feministas non vivimos nunha bola de cristal onde superamos todalas nosas contradicións, e aínda sendo capaces de analizar o porqué dos nosos comportamentos, non podemos evitar caer en condutas profundamente patriarcais, dolorosas e prexudiciais para nós e para as nosas compañeiras. Ante isto debemos acudir á sororidade, para alonxarnos destas condutas tóxicas, dinámicas de competencia “salvaxe” e críticas encarnizadas ente compañeiras, baseadas en moitas ocasións en criterios e prexuízos machistas.

Este xeito de proceder non resulta nada beneficioso para o avance do feminismo, sendo conscientes da necesidade do debate para acadar a nosa emancipación e avanzarmos en cada contexto concreto, pero sempre entendendo que dito debate responde aos intereses das mulleres e non a intereses individuais de protagonismo frente a outras compañeiras, obedecendo deste xeito aos intereses do patriarcado. O movemento feminista precisa debates para estar á altura do momento histórico, caer no consenso para evitar isto sería un xeito erróneo de entender a sororidade, ademáis dunha asunción acrítica dos roles de xénero, pero sen esquecer que estes debates deben responder os nosos intereses colectivos e en consecuencia a necesidade da alianza coas nosas compañeiras as mulleres en todos os eidos da nosa vida.

A destrución do patriarcado é unha tarefa ardua, conleva contradicións e sacrificios, a sooridade ten que ser a base das relacións entre mulleres para facer esta loita, imprescindible para nós, máis levadía.

 

Ana Justo.