Solidariedade coas temporeiras de Huelva

Solidariedade coas temporeiras de Huelva!En Huelva prodúcense o 95% dos morangos do Estado español, en réxime de agricultura intensiva desde finais de século, o cal foi chamada para o emprego temporal de xornaleiras portuguesas e andaluzas. O crecemento económico español e a terciarización da economía desprazou ás traballadoras andaluzas a empregos menos duros, de xeito que se abriu a demanda de man de obra estranxeira para a tempada de morangos, para o que a Administración Pública implementou a contratación en orixe das temporeiras, ás que lles é concedida unha autorización temporal de residencia e traballo para o tempo da campaña.

Os primeiros continxentes de temporeiras foron de orixe polaca, rumana e búlgara. Porén, desde o 2006 foron substituídas polas marroquís, despois de que a patronal denunciase o non retorno das traballadoras do leste de Europa tras finalizar o seu contrato. Ponse en marcha o “Programa de Xestión Ética da Inmigración Temporeira” entre Marrocos e a provincia de Huelva e asínase un convenio de colaboración entre o concello de Cartaya e a Axencia Nacional para a Promoción do Emprego e das Competencias de Marrocos. A patronal establece o cupo e requisitos das xornaleiras e a ANAPEC fai a selección para a contratación.

“Muller de orixe rural casada (baixo autorización marital), divorciada ou viuva, nai dun menor de idade e con experiencia na agricultura”. Os requisitos que esixe a patronal non están publicados, pero está constatado que son os que a ANAPEC aplica para a selección, e a ninguén se lle escapa que queiran evitar os conflitos que tiveran coas traballadoras de Europa do leste e estean garantindo por todos os medios o regreso das xornaleiras ao seu país de orixe. As explicacións e as responsabilidades brillan pola súa ausencia. Silencio das institucións e xustificación da patronal na “delicadeza” das mulleres para o sesgo de xénero imposto son as únicas respostas que temos.

A feminización deste coma doutros traballos abarata e precariza aínda máis as condicións laborais do sector, que basea nisto a súa competitividade. A isto súmanselle as condición ás que estas mulleres son sometidas por optar a este traballo, obrigadas a facer unha inversión inicial para pagar os seus propios visados, algo que teñen que cubrir as empresas, e que supón que segundo o caso non cheguen a gañar o suficiente como para recuperalo, pois tamén son elas as que teñen que pagar pola manutención e incluso polo aluguer. Viven illadas dos núcleos de poboación en barracas que non cumpren ningún tipo de condición sanitaria ou humana e que as empresas aproveitan para mantelas á marxe de calquera inspección ou de activistas ata o punto que nin ao médico as deixan recorrer en caso de enfermidade e así é a zona con maior número de abortos. Ante a posibilidade de que esta situación sexa denunciada por elas ameázanas coa penalización de traballo ou soldo ou coa expulsión ao seu país de orixe e válense de redes caciquís con traballadoras veteranas que alertan de calquera signo de denuncia. A isto súmaselle que non saben nin por que empresas son contratadas, tampouco saben ler e o idioma suponlles unha gran barreira para a formalización de calquera tipo de queixa ou para o reclamo do finiquito ou do contrato, por isto son a miúdo enganadas e estafadas. A impunidade dos empresarios no laboral tamén é no caso de abusos e agresións sexuais, que son constantes e se ven amparados pola situación de incomunicación e coacción á que as traballadoras son sometidas. En moitos casos son secuestrados os seus pasaportes e son obrigadas a pagar grandes cantidades de diñeiro ou con favores sexuais se queren volver ao seu país de orixe unha vez viviron de primeira man as inxustizas e as terribles condicións polas que teñen que pasar por conseguir este traballo. A cambio de traballar legalmente, as temporeiras ceden parte dos seus dereitos asociados a un mercado de man de obra libre. Non teñen poder para negociar as súas condicións de traballo, nin liberdade para desprazarse no mercado laboral ou para escoller empregador, configurando unha enorme dependencia do mesmo para a permanencia legal no país e o retorno en sucesivas campañas.

A situación das temporeiras de Huelva era un segredo a voces, pero que fixeron as institucións públicas do Estado español por mudala? Nada, nin a administración central nin da Xunta de Andalucía fixeron por revertelo e, en cambio, seguen vixentes as leis que amparan que esta situación se siga perpetuando, así a Lei de Estranxeiría, que debería controlar esta os procesos de regularización, en cambio controla sobre todo os mecanismos de irregularización e de exclusión social, pero ademais, supedita a situación legal das mulleres migrantes de todas as ex-colonias ao marido e prohíbelles traballar a aquelas que chegan por reagrupación familiar. A Lei de Estranxeiría supón que o Estado español dispoña ao seu antollo das traballadoras das ex-colonias, que ante unha situación económica alarmante no seu país de orixe teñen que recorrer á emigración, e tamén desbotalas cando considere o empresario.

Aínda que esta situación leva anos pasando e, por exemplo, o SAT alertou das consecuencias do modelo de contratación en orixe (que no seu momento se vendeu como a gran solución á necesidade de man de obra estranxeira temporal na agricultura) e dos escasos controis cos que se implementa ou que as denuncias de vulneración de dereitos e as violacións non chegan a axuizarse porque as temporeiras son expulsadas. Salta agora a alarma. Por un lado, o 30 de abril publicábase en correctiv.org unha reportaxe sobre a situación das temporeiras de Huelva. Por outro, o pasado 3 de xuño 400 mulleres marroquís son subidas a un autobús para ser enviadas de volta a Marrocos por parte da empresa Doñana 3000, de Almonte, ante as denuncias públicas que vimos neste mes inundar as redes cos casos de abusos laborais e sexuais nos campos de Huelva, a raíz do que se sucederon numerosas denuncias públicas, reclamacións de investigación e de responsabilidades e mobilizacións que conxugaron o eixo de clase, co feminista, o antirracista e o anticolonial, como o 17 de xuño en Vigo e na Coruña ao berro de “patriarcado e capital, alianza criminal!”.

Nós achegamos apenas unha pequena lectura dos feitos, se ben o entramado de explotación e abusos é ben profundo. Non se trata dun caso illado ou puntual, senón que esa situación responde a un problema estructural, que non afecta a unha empresa concreta, a un cultivo ou a un lugar localizado.

Toda a nosa solidariedade coas temporeiras de Huelva!

Ligazóns á reportaxe de correctiv.org:

https://correctiv.org/en/blog/2018/04/30/rape-in-the-fields/

https://correctiv.org/en/blog/2018/05/02/the-dark-side-of-moroccos-booming-agricultural-exports/

https://correctiv.org/en/blog/2018/05/03/in-the-hands-of-the-mafia/