Sobre arte e dialéctica. Dende o jazz ao trap.

WhatsApp Image 2018-07-15 at 17.17.06Hai un tempo lin unha entrevista que lle fixeron a Ferrín onde unha das súas respostas deixoume marcado, coido, que para sempre. A entrevistadora preguntoulle se quedaban en Europa escritores comprometidos politicamente “máis ala da pose ” ao que o Ferro respondeu lúcidamente:

“Todos os escritores, como todas as persoas, teñen unha visión do mundo. Uns non desexan transformar a sociedade, porque lles gusta tal cal está, e outros aspiran a facer cambiar de base o mundo herdado. Non hai neutros, nin indiferentes. A cosmovisión, o sentimento histórico e a percepción do estado contemporáneo das cousas de cada escritor cífrase, consciente ou inconscientemente, na súa obra. Hai escritores moi explícitos no seu compromiso ideolóxico, como Teresa de Jesús ou Vargas Llosa. Noutros, o seu compromiso cobra a aparencia de arte pola arte. A pintura de Popova ou Malevich non aparenta, para o receptor inxenuo, pensamento revolucionario, pero as súas liñas e cores presupoñen o leninismo.”

Esa última frase foi a que trascendeu en min para darlle unha profundidade ao concepto que tiña sobre a arte que desbordou con toda fronteira autoimposta ou preaprendida. Na arte non existen corsés, porén si obxectivos e por suposto, política. A arte é en certo sentido unha fase superadora da enaxenación da ideoloxía, aquela que nos autoagrede tan ferozmente á hora de facer política. Esa “arte pola arte” da que fala Ferrín e que exemplifica con tremendo acerto da man de Popova ou Malevich libera a política da ideoloxía, do dogma; sen desvestila do seu carácter de clase. A abstracción, paradoxicamente, pode dar concrección, exactitude e precisión. Hai que saber ler dende a autocrítica. Certas imposicións, aínda dende a liña correcta, son obtusos sinsentidos e quimeras absurdas. Cando por exemplo na URSS se fomenta o realismo socialista co propósito de crear conciencia de clase e acabar coas actitudes pequenoburguesas olvídase o carácter superestructural ideolóxico que subxace neses comportamentos. É dicir: dogmatízase a política sobre  unha ideoloxía autoimposta que non analiza correcta e dialécticamente a realidade por unha distorsión enaxenada do que son os principios básicos no (e do) momento concreto. Simultaneamente a este intento de promover o realismo socialista, inténtase aniquilar ás vangardas rusas coetáneas ao movemento que, dende unha aparente despolitización total (se existise tal termo) fan a “arte pola arte”. O conseguido é que os grupos da vangarda, intelectuais (por mal que me pese a existenza dese termo) negan o bolchevismo e toman posturas contrarrevolucionarias cando ben puideran, e de feito deberan, ser cadros políticos relevantes na construcción do “novo mundo”.

A síntese á que pretendo chegar é que a arte, en si mesma, nace da creatividade libre ou , dito doutro modo, da liberdade de creación e que, por moi abstracto que poida parecer a primeira vista certo contido artístico; sempre pode ter unha significancia e un trasfondo político relevante que se non toma hoxe o significante esperado será mañá cando a contradicción que representa madure e o faga. Exemplos de non comprensión de estos fenómenos artísticos hai a moreas e, normalmente, é esa ideoloxía enaxenada a que nos fai realizar unha terrible lectura do que está supoñendo certo fen´omeno artistico.

Cando nace a corrente do bebop no jazz, que tentaba superar o formato de Big Band dando lugar a cuartetos e demáis formatos de música en directo de local e “corto alcance”, ráchase coa tendencia hexemónica que viña do swing. Un estilo conservador no sentido de que non se preocupa do forte racismo da América da primeira metade do século XX. Na reivindicación da poboación afroamericana e a subversión de Duke Ellington, Charlie Parker, Dizzy Gillespie, Thelenius Monk . . . Nace un novo concepto musical que, aínda hoxe, se considera “snob”, “hipster” ou para “culturetas”.

A realidade é outra ben distinta: Duke Ellington foi investigado polo FBI polo apoio ás campañas do Partido Comunista, Dizzy Gillespie era militante do Partido Comunista, Paul Robeson autoproclamado anarcocomunista cantaba música antifascista da guerra civil española entre solo e solo de jazz, Charlie Parker grabou “Lament for the Congo ” en honor a Patricio Lumumba, un dos máis importantes cadros socialistas de África. . .

Quen ía dicir que nun solo de jazz había escondida unha reivindicación tan de clase? Moitos dos locais de jazz foros prohibidos en EEUU dende unha ideoloxía liberal gardando, polo menos, certa coherencia discursiva. Agora ben, fruto desa enaxenación que nos carcome de cando en vez tamén no comezo da construcción do socialismo en Cuba se pecharon locais de jazz (aínda que en primeiro momento pechábanse porque eran locais de segregación racial, o jazz seguiu prohibido certo tempo a posteriori da extinción deses locais) ou mesmo na propia URSS.

Non se hai que ir a fai tantos anos, co Hip Hop ocorreu algo semellante. Se ben nace cun carácter de clase ben marcado, sinalando o racismo estrutural, os problemas nos guetos de obreiras coas drogas; o crack. . . Nunha primeira instancia non é entendido coma “música” por non seguir esquemas ortodoxos na construcción. Tupac Shakur, por exemplo, foi tamén militante ( por influencia da súa compañeira e o pai desta) do Partido Comunista.

Ocorre que cando aparece unha nova tendencia artística con reivindicación de clase, sexa esta máis ou menos explícita, o liberalismo intenta hexemonizala para edulcorar e descafeinar o discurso político transversal. Así, o bebop subversivo de Parker vaise elitizando para construir a idea de que o jazz é “esa música que pon Woody Allen nas súas películas para gafapastas” e polo tanto desprovisto de carácter de clase. O mesmo ocorreu no Hip Hop, temas como “Dear Mama” de Tupac Shakur escritos cun tono marcadamente antirracista son reemplazados con creacións sintéticas e artificiais de novos artistas “de plástico” de dircurso liberal coma o rap gangsta de collares co símbolo do dólar e coches saltaríns.

O verdadeiramente curioso de todo este fenómeno é que, cando o liberalismo se apropia dunha tendencia e rompe co discurso político de fondo, aparecen sempre novas tendencias subservivas e contestarias en resposta. O hip hop orixinal, de clase, é hexemonizado polo discurso liberal? Entón aparece un novo rap hardcore (pensemos no contexto do Estado Español en artistas coma Gatta Catana, Natos y Waor, Ayax y Prok. . . ) Se posteriormente tamén o hardcore comeza a ser traballado dende o liberalismo pois aparece o trap con artistas coma Yung Beef ( Que nos tocará despois do trap, agora que C Tangana liberaliza tamén esa escea? ) etc. etc.

Non é un suceso aleatorio, exactamente o mesmo proceso se deu no mundo do jazz cando evolucionou do swing ao bebop.

Tampouco é un caso aillado ao panorama musical. En 1917 o artista Marcel Duchamp nun acto que naquel momento se podería considerar subversivo… dadá; presenta a súa obra “A fonte” , un orinal orientado ao revés que pretendía manifestar o feito de que a arte convertérase en outro de tantos lobbies capitalistas e que en consecuencia, coma todo mercado, estaba desprovisto de libertade creativa. Pretendía Duchamp así ridiculizar o esnobismo e desinterese monopolista dos académicos que liberalizaran, destruiran e aniquilaron de significantes todo contido artístico. O manifiesto dadá defende a anti-arte, a posibilidade de que naide teña que cumplir cunhas estrictas leis dadas polo mercante de turno para expoñela súa obra. Isto é o que significa a apoloxía á liberdade creativa, a rutura co mercado liberal e a posterior trascendencia superestructural sobre a batalla ideolóxica que había que gañarlle ao liberalismo. O manifesto berraba (e segue berrando) que non lles darían a arte, pois entendían que non era unha simple mercancía xa que é un dos nosos máis importantes instrumentos de emancipación. En que quedou toda esa reivincidación inicial contra o liberalismo? No posmodernismo hoxe hexemónico nas galerías de arte. De novo, unha xogada liberal para eliminar o discurso subversivo orixinal de Duchamp.

Ao final a aparición ou desaparición de novas tendencias artísticas responde, por suposto, a procesos dialécticos onde existe unha contradicción e certa tendencia artística hexemonizada actúa coma unha tese que é superada por unha nova tendencia contestataria que racha co discurso político previo, a antítese dialéctica.

A arte só pode existir na liberdade creativa e namentres exista a contradicción de clase será sempre políticamente subversiva por (e para) necesidade.

David Vázquez.