Comunicado de XEIRA perante a Procesión das Raíñas de Burela

Tras máis dun lustro sen a Procesión das Raíñas nas Festas de Burela, este ano vaise volver celebrar dito acto, a pesar de que o Observatorio da Mariña pola Igualdade veña alertando do prexudicial do evento. O acto consiste nunha procesión en que sacan a virxe acompañada dun grupo de rapazas que actúan como damas de honor lideradas por unha raíña. Ademais, hai dous grupos de damas de honor e raíña: o grupo das nenas máis pequenas e o grupo das adolescentes. Estas rapazas érguense ao albor para se maquillaren e se vestiren para logo acompañaren á virxe e acudiren aos diferentes actos das Festas.

É innegábel o misóxino desta tradición de relativamente recente creación, posto que as nenas non fan máis que aprender os estereotipos de xénero, comezando a se someteren á ditadura estética feminina desde que son ben pequenas. Ademais, a sociedade machista en que vivimos, coa súa aprobación e cos seus aplausos ás raíñas e ás damas de honor, está a ensinarlles ás nenas que iso é o que se espera delas e que é un orgullo que participen neste tipo de actos en que son exhibidas como pura mercadoría, xa que están a cumprir o seu papel, o seu rol (de xénero).

Por outra banda, este acto tamén é reprobábel desde un punto de vista económico, posto que os custos do peiteado, da vestimenta e dos accesorios corren a cargo das súas familias e, por suposto, non estamos a falar de pouco diñeiro. Polo tanto, ou ben as nenas que pertencen ás clases máis baixas se sentirán marxinadas ao non poderen participar nas festas da súa vila, ou ben as familias destas nenas se verán obrigadas a facer grandes esforzos para compraceren as súas fillas e que estas non se sintan excluídas das actividades sociais. Aínda que semelle un paradoxo, estamos a falar dunha festa popular (do pobo e para o pobo) totalmente misóxina e para a elite.

Desde XEIRA queremos denunciar este evento elitista como unha agresión directa á emancipación das mulleres e á educación das nenas e nenos que, como non pode ser doutro xeito, asimilan estes actos como naturais, contribuíndo a reforzar o carácter machista da sociedade.

NIN DAMAS, NIN RAÍÑAS! QUEREMOS MULLERES LIBRES PARA SE PENSAREN A SI MESMAS!

Burela