Presentación de Xeira

Constituímonos como Organización da Mocidade Comunista Galega. O proceso MIR apuntalou os alicerces na Patria e fortaleceu as posicións independentistas e comunistas organizadas. Durante este tempo; desde a disolución de Adiante até hoxe, creamos estas asembleas coa firme vontade de trazar un vieiro de loita revolucionaria que fose medrando cualitativa e cuantitativamente. Conseguímolo, e é a partir do 21 de decembro (data na que celebramos o noso Congreso Constituínte), que toma forma de organización política. Benvid@s a esta nova Xeira.

Co ano novo inauguramos esta páxina web que será a canle de comunicación oficial de Xeira.

Reproducimos a continuación o texto de peche do noso Congreso Constituínte celebrado en Teis, barrio obreiro de Vigo, baixo o lema ¨Das loitas da mocidade ás filas da revolución¨.

Camaradas, hoxe é un día emocionante para a mocidade comunista galega, é o día no que recollemos o facho que a historia nos encomenda, o facho que tentaremos que alumee o camiño da clase obreira galega cara a súa emancipación social, nacional e de xénero.
O camiño que nos queda por percorrer será longo e duro, e para trazalo con éxito rescatamos a máxima leninista “ paso curto, vista longa e man dura”:
O paso curto que significa realizar a táctica axeitada en todo intre, a vista longa que nos permita non perder o noso horizonte estratéxico da emancipación plena, e man dura que nos leve a actuar con intransixencia contra o maniobrismo, o revisionismo e o esquerdismo. Para manter as fileiras revolucionarias co ánimo alto e a liña política axeitada.

Nós, con humildade pero firmeza afirmámonos herdeir@s de todas as loitas que supuxeron progreso para o xénero humano, especialmente a loita polo socialismo e contra a colonización dos pobos, incorporando a indispensable loita contra o patriarcado e pola igualdade plena.
Hoxe nesta nova xeira, estamos @s moz@s dispostas a asumir que aínda viven en nós, o legado da URSS, o de Cuba, o de Vietnam e de todos os suxeitos individuais e colectivos que perderon un anaco da súa existencia en agasallarnos un futuro de dignidade. Somos a esperanza que naceu nos anos sesenta coa creación da UPG, mesturando maxistralmente o marxismo coa loita pola liberación nacional, as mesmas mozas que asumimos que temos gravado a lume no noso ADN as siglas do Partido Galego do Proletariado e do PCLN.
Aquí presentamos a nosa loita revolucionaria, que percorreremos da man do noso partido irmán, a FPG, materializando así o lema do noso congreso: “Das loitas da mocidade ás filas da revolución¨.
Viva Galiza ceibe, socialista e feminista! Venceremos!