Por unha rede nacional de transporte público e eficiente!

 O Estado Imperialista Español ten condenado historicamente a Galiza a sufrir unhas desastrosas  liñas de comunicación internas que impiden o normal desenvolvemento da realidade socioeconómica galega e perpetúan a relación colonial respecto da metrópole. Observamos isto no rural galego, vivíndose situacións dramáticas, onde para unha correcta escolarización das cativas as familias se ven obrigadas a depender da axuda particular dos veciños, ou resignarse á migración cara as cidades ao carecer dunha rede eficiente de transporte público. Ademais, os problemas avanzan cando se ascende na etapa lectiva, pois maiores son as distancias a percorrer, semella que se asume que os alumnos de certos concellos non farán ou deixaran a ESO. Por que esta diferenza entre o campo e a cidade? Así, chegan a ser inaccesibles as distancias para moitas estudantes, véndose en moitos casos abocadas ao abandono dos seus estudos. Observamos e vivimos que estas situacións se repiten en todas as franxas de idade, a necesidade de ter un coche pola nula comunicación entre vilas e aldeas, tanto de buses como de trens, xa sexa para buscar ou ir ao traballo, como para desprazarse ao médico, ir a farmacia… Tendo en conta que a meirande parte da poboación do rural ten unha idade avanzada, a súa mobilidade redúcese, polo que se acaba tendo tamén a necesidade de depender de familiares para desenvolver unha vida tranquila, en moitos casos leva a un abandono do rural producíndose unha despoboación de moitas aldeas.

Un exemplo desta realidade é A Mariña, na que os recortes en Renfe xeraron enormes atrasos na liña Ferrol-Oviedo, agravando os problemas de mala comunicación endémicos da comarca. A resposta de Renfe fronte estes atrasos, que dificultan a vida de traballadoras e estudantes que dependen deste medio para poder acudir aos centros de traballo e ensino; débese, explica Renfe, a una diminución na velocidade dos trens. Unha solución sería a dependencia dos buses na zona, pero coinciden cos horarios dos trens, non se adapta á realidade dos habitantes. Ademais o custo económico medio que supón para moita xente estes desprazamentos diarios ascenden a máis de 60€.

Dende Xeira reclamamos o bo funcionamento dos cercanías, intentando paliar as grandes diferenzas que o goberno se nega a arranxar entre o rural e as cidades, unha revisión dos horarios dos ferrocarís e dos autobuses para ter un mellor servizo. Así, non podemos facer outra cousa que non sexa abrazar a reivindicación histórica do independentismo galego: unha rede de transportes públicos, gratuítos ,de calidade, ao servizo do pobo traballador, que permitan un normal desenvolvemento da realidade social galega.

eb