Polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres

aborto

O capitalismo, en conxura co sistema de dominación patriarcal, segue a marcar o seu territorio nos corpos das mulleres, sendo nós as que sufrimos os continuos ataques sobre a nosa liberdade sexual e o control sobre algo tan importante como é a maternidade.

Estas agresións afectan de xeito distinto ás mulleres da burguesía, xa que con cartos poden pagarse este dereito nunha clínica privada ou no estranxeiro. Porén, unha vez máis, somos as mulleres da clase obreira ás que se nos impón unha maternidade obrigada, tendo que sacrificar con frecuencia o emprego de anticonceptivos por falta de cartos, ou sen poder permitirse un aborto seguro.

A reforma da lei de interrupción voluntaria do embarazo(desbotada por cuestións electoralistas), camuflada con moralismos relixiosos é un claro exemplo de como o capitalismo necesita o control sobre o corpo das mulleres, reservando para nós a tarefa de ter fillas e fillos que sirvan de man de obra, cada vez máis escasa nos estados nos que o capitalismo está máis desenvolvido. Á súa vez, esta mesma lei que estiveron tenteando, é a expresión da alianza patriarcado e capital que nos relega ás mulleres ao ámbito privado e doméstico, sobre todo en tempos de crise nos que hai moita demanda de traballo, expulsándonos do mundo laboral e recrutándonos nas casas, condenándonos a ser nais e levar a cabo ás funcións de coidados da familia perpetuándose así os roles patriarcais e de xénero: os homes traballan e as mulleres paren e coidan da prole.

Ademais, deste xeito, a clase capitalista pretende manter contentos aos seus aliados, os mesmos que no 36, facendo concesións á institución máis reaccionaria do Estado Español: a Igrexa Católica. Co único fin de seguir afianzando o seu poder.

Aínda que non se leve a cabo a contrarreforma, debemos seguir loitando, a lexislación actual tampouco nos permite exercer unha maternidade libre. As mulleres esiximos a autonomía sobre os nosos corpos para decidir como, cando e con quen desexamos ter fillas e fillos, e de non querelo ter dereito a un aborto gratuíto, seguro e na seguridade social. Gratuíto para que estea ao alcance das mulleres de clase obreira e con menos recursos económicos, sen que caiba discriminación algunha; seguro para que a saúde de ningunha muller corra o máis mínimo risco e na seguridade social porque son os servizos públicos os que teñen que garantir os nosos dereitos básicos coma mulleres, fuxindo de empresas privadas que tan só pretenden o propio beneficio e lucrarse economicamente.

Asemade o sistema tampouco inverte nunha educación sexual que ensine ás mozas e mozos a practicar unhas relacións sexuais libres de imposicións machistas e seguras. Polo que esiximos tamén unha lei de educación sexual que ensine á mocidade a concibir as relacións sexuais coma calquera outro tipo de relación social, sen caer en ningún tipo de discriminación, agresións, estigmas ou roles patriarcais.

Hoxe, no día dos dereitos sexuais e reprodutivos, tampouco nos podemos esquecer da negativa de levar a cabo a reprodución asistida por parte do goberno a mulleres solteiras e homosexuais, defendendo que non se trata dunha cuestión ideolóxica senón de prioridades, podendo ver neste feito unha mostra do patriarcado e de, como xa dixemos antes, a Igrexa segue tendo unha importante parte na toma de decisións que lle afectan á muller, e como se segue apoiando no patriarcado.

É por estas razóns polas que as mulleres traballadoras debemos loitar para derrubar o capitalismo e o patriarcado, paraasí poder gozar dunha educación sexual para decidir, de anticonceptivos gratuítos para non abortar e de aborto libre para non morrer.

Loitemos pola sexualidade e maternidade libre destruíndo o capitalismo e o patriarcado!