Política e relixión

Geometric-Metallic-Canvas-Art-2Resulta moi curioso observar as dinámicas comúns que tomaron tanto certa parte do movemento nacional como aquelo que se deu en chamar “ecoloxismo”, froito dunha análise inmobilista e idealizada da realidade, que día a día se esforzan en repetir mesmo sectores autodenominados “marxistas”.

No problema nacional, tomáronse aquelas características que tiña a nación galega cando se empezou a ser consciente de dito conflito, aló polo Rexurdimento, e gardáronse con moito coidado nunha caixiña de cristal, non fora a ser que romperan. Así, atopamos hoxe como unha gran parte do chamado nacionalismo reivindica dunha forma totalmente metafísica unha realidade galega idealizada, a realidade galega do século XIX e principios do XX. Parece que para analizar a cuestión nacional galega non cómpre observar o conflito das clases populares galegas coas oligarquías españolas, nin ningún outro tipo de característica socioeconómica: abonda con idealizar o rural, os oviños da casa e unha especie de glorioso pasado Celta sacado dos poemas dun tal Pondal. Así, chéganse a ver cousas tan delirantes como artigos que aseguran que as rapazas e rapaces que viven nas cidades non viven na realidade galega, porque se considera que dita realidade é a que existía fai 100 anos, e nada ten que ver coas galegas de hoxe, senón con esa sacrosanta idea que quedou ben gardadiña naquela caixa de cristal. Dáse a entender que existe unha evolución “natural” en contraposición con outra “antinatural”, sendo a primeira algo totalmente inexistente pero que se reclama como aquelo que “debería ser” (que na práctica acaba sendo “o que foi e xa nunca será”). Este tipo de análises levaron ao movemento nacional popular galego a unha constante colección de fracasos dos que hoxe somos herdeiros.

No ecoloxismo pasa algo semellante. Nun punto da historia da humanidade fixémonos conscientes de que existía un problema: estábanse a destruír ecosistemas mediante todo tipo de actividades debido a un afán curtopracista de obter beneficios sen ter en conta os custos que ditas accións podían ter para os seres sentintes que habitan o planeta. Entón que se fixo? Volveuse a sacar outra caixiña de cristal e introducíronse nela os ecosistemas tal e como eran cando se foi consciente do problema, e ditos ecosistemas pasaron a ser “a Natureza”, un ente cuasidivino cuxa alteración era algo “antinatural”, pouco menos que unha blasfemia (aínda que se fixera dun xeito que a longo prazo beneficiara aos seres sentintes do planeta, humanos e animais). Así, por exemplo, os transxénicos, aínda que teñan a potencialidade de mellorar a calidade de vida de milleiros de persoas, son continuamente demonizados. Por que? Porque non son “naturais”. Que importan os seus beneficios para o benestar da humanidade? Négase ao ser humano a súa capacidade de independencia, quedando sometido a unha forza maior, que xa non é un deus, senon esa idea abstracta da “Natureza”.

Dito isto, é evidente que hoxe en día existe un problema ecolóxico coa destrución indiscriminada de ecosistemas sen ver máis aló do pelotazo urbanístico que lle permita a catro ricachóns encher os petos; claro que existe un problema cós transxénicos, derivado de que están monopolizados por unha empresa á cal pouco lle importa mellorar a calidade de vida das persoas con tal de conquistar novos mercados. Pero estes problemas son derivados dun sistema produtivo concreto, chamado capitalismo, que se basea precisamente nesta acumulación de capital a costa do que sexa e de quen sexa (ecosistemas, persoas ou animais), e mentres sigamos, dende o marxismo, facendo análises metafísicas que consideren a realidade (tanto a nacional como a “ecolóxica”) como algo estático e idealizado será imposible ningún tipo de avance, seguiremos batendo a cabeza contra un muro de ladrillos e preguntándonos: que fixemos mal?

Antón Mosquera, militante de Xeira.