Non merques, non vendas, non colabores.

redes

 

As drogas veñen sendo historicamente un recurso empregado pola burguesía como ferramenta para desorganizar e inhibir a capacidade revolucionaria das filas máis avanzadas do proletariado. Sobran exemplos desta realidade, como a introdución do crack nos guetos dos Panteras Negras, conseguindo desarticular por completo un movemento popular ata entón absolutamente hexemónico nos barrios da poboación negra ou a introdución da heroína nos barrios obreiros deste Estado, especialmente en Euskal Herria onde logrou afectar a amplas capas da mocidade ás que afastou da loita política, e fronte as cales a esquerda abertzale entendeu a importancia de desenvolver unha estratexia de combate das mesmas.

É por iso que consideramos particularmente importante combater dentro das nosas posibilidades o consumo de drogas, e especialmente daquelas ilegais, non pola súa maior ou menor perigosidade para o corpo humano, senón polas redes de narcotráfico que xera, nas que se pode quedar atrapado. A dependencia destas drogas combinada coa posible represión policial que lle segue son elementos máis que sobrados para conseguir que incluso os mellores militantes comunistas se podan ver abocados á colaboración coas forzas do Estado ou a quedar para sempre illados do movemento político a través da válvula de escape que supoñen as drogas fronte a unha realidade de opresión e explotación.

É a nosa responsabilidade como comunistas ser vangarda no proceso de cambio político e social, e por iso somos os primeiros que temos que combater a participación nestas redes, e ao mesmo tempo artellar métodos de ocio alternativos e ferramentas de propaganda que disuadan á mocidade obreira destas actitudes que conseguen afastalos de toda implicación política e que moitas veces engrosen as filas da reacción ou do lumpenproletariado.

A acentuación da crise económica e o avance das forzas revolucionarias fai que o Estado Imperialista Español empregue todas as ferramentas ao seu alcance para inhibir e desactivar as nosas forzas. Por iso: NON MERQUES, NON VENDAS, NON COLABORES!