Nin revolución homófoba, nin capitalismo rosa.

O 28 de xuño, reafirmámonos na loita contra o patriarcado e pola liberalización total dos suxeitos oprimidos en conmemoración ao inicio da resistencia colectiva da comunidade LGTBi, que en 1969 en Stonewall Inn (Greenwich Village) , dixo: basta á represión! e comezou a organizarse para subverter a inxustiza padecida.

Durante séculos, a comunidade LGTBi foi reprimida, acosada, pisoteada e destinada á marxinación social por saírse dos inamovíbeis roles de xénero impostos. Isto débese a que as persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexo non encaixan na familia prototipo do patriarcado, consistente na figura viril dun home administrador da riqueza -escasa, no caso da clase traballadora- e na figura submisa dunha muller que produce prole. Familia, polo tanto, cuxo único fin é dar continuidade á propiedade privada e crear masas inxentes de novos traballadores aos que explotar.

Co capitalismo, a burguesía desposuíu de todos os medios de produción ás traballadoras e traballadores, facendo desaparecer as condicións materiais coas que a familia tradicional naceu: coa desposesión do proletariado, esta clase non ten nada que perpetuar e a familia tradicional comeza a carecer de sentido. Porén, ben sabemos que a burguesía non vai deixar que desapareza a base sobre a que perpetúa a súa dominación sen inmutarse.

De tal forma, hoxe en día seguimos vendo como seguen padecendo esta discriminación por parte da sociedade. Ademais, debemos facer fincapé en que finalmente serán  unicamente as clases adiñeiradas as que poderán pagarse unha maternidade lésbica ou un cambio de sexo, entre outros, para ter dereito a desenvolverse sexual e reprodutivamente como seres humanos. Polo tanto, a discriminación que hoxe denunciamos, é unha discriminación con carácter de clase.

Por iso, dende Xeira declaramos que:

– O capitalismo nunca permitirá a liberación total da comunidade LGTBi. Só coa abolición da propiedade privada, base sobre a cal naceu o sistema de dominación patriarcal, será posible a liberación sexual  de todos os seres humanos.

– Analizando esta discriminación como discriminación con carácter de clase, debemos comprender que a solución nunca pode pasar por unha unión con suxeitos da clase dominante.

– A clase traballadora debe loitar unida e organizada pola súa emancipación e, con ela, a emancipación total do ser humano cara a unha sociedade xusta e sen clases sociais.

Non queremos nin unha revolución homófoba, nin un capitalismo rosa!

esta