Nin en Galiza, nin en ningures: non aos campos de exterminio de visóns!

Perante a nova da inminente construción dun novo campo de exterminio de visóns no noso país, concretamente na Estrada, dende Xeira analizamos esta situación como unha nova mostra da dominación implacábel do Estado español, que deriva a fabricación doutra nova granxa peleteira a Galiza, unha das súas colonias. Non é casualidade que o noventa por cento destes criadeiros estean situados no noso país, xestionados por unha elite foránea que extrae un importante beneficio económico. A grande cantidade de residuos animais e químicos que se filtran na terra, ademais dos centos de animais que logran escapar do seu confinamento, xera unhas consecuencias que se traducen nun impacto medioambiental serio, véndose ameazadas tanto a vexetación como fauna autóctona e afectado o campesiñado que vive nas periferias dos campos de exterminio.

Pese a que non existe sequera un censo oficial, estímase que hai sobre 50 campos de exterminio de visóns no conxunto do Estado español. Ao que a miserábel e curta vida do animal se refire,

nestes lugares os animais viven confinados e malviven sendo alimentados con papillas que adoitan conter restos de animais que proveñen de matadoiros locais ou mesmo doutros conxéneres mortos nos propios campos de exterminio. Padecen numerábeis enfermidades polas condicións ás que estan sometidos e sofren trastornos mentais, amosando condutas agresivas cara os compañeiros de gaiola así como comportamentos repetitivos: andar dun lado ao outro seguindo a mesma rutina incesantemente durante días, roerse a si mesmos a cola ou atacar ás suas propias crías.

Finalmente, á hora da matanza, os métodos máis empregados para exterminar aos visóns son a electrocución anal ou bucal, rotura de pescozo e asfixia, para non danar a pel e que a súa cotización no mercado sexa o máis alta posíbel. Este método é habitual xa que para non danar a pel e acadar o obxectivo da empresa, hai que arrincala cando o sangue está aínda quente, pois unha vez que o individuo morre, o sangue comeza a arrefriarse rapidamente e a coagularse, o que dificultaría notabelmente a extracción da pel.

Independentemente de que estas prácticas tan sádicas teñan lugar exclusivamente para satisfacer un capricho da burguesía, dende Xeira cremos imperativa a eliminación destas granxas de exterminio polo mero feito do excesivo sufrimento inflixido sobre uns individuos con capacidade para sentir dor e pracer, e cuxo interese en vivir e ser beneficiados é suficiente motivo para seren respectados e defendidos pola nosa parte.

NON AOS CAMPOS DE EXTERMINIO DE VISÓNS, NIN EN GALIZA NIN EN NINGURES!

visonsss