Lingua, Cultura e Ciencia: Ao servizo do pobo. Día das Letras Galegas 2019

Con ocasión do Día das Letras Galegas resulta acaído reflexionar acerca dunha serie de cuestións relacionadas coa lingua galega e coa cultura do noso país. Lonxe querer construír un panexírico, as consideracións que xulgamos necesarias teñen un carácter máis amplo, que non se centra exclusivamente na figura do homenaxeado, Antón Fraguas.

O primeiro que cómpre ter presente cando se fala do Día das Letras Galegas é o grao de importancia que teñen para nós a lingua e a cultura galegas na actualidade. O marxismo, alén de considerar a nación como unha entidade metafísica, abstracta, ou ideal, defínea como unha categoría concreta dende a perspectiva da ciencia social. Nós, como marxistas, debemos lembrar en todo momento que a lingua e a cultura son compoñentes constituíntes desa categoría denominada nación. Se tomamos esta idea como base, debemos ter presente á hora de elaborar calquera análise, a contradición nacional existente no seo do Reino de España e o carácter de Galicia como colonia interior do Estado español.

Cómpre apartar canto antes as concepcións esencialistas e metafísicas con respecto á idea de nación, pois só deste xeito poderemos comprender que cultura, lingua, economía e incluso demografía son elementos en contacto, interdependentes.

O sometemento de Galicia aos intereses económicos das elites do Estado é unha cuestión central á hora de trazar un proxecto cultural galego, que non debemos perder de vista cando falemos das tarefas que é necesario desenvolver para a preservación da lingua.

Faise necesario, por tanto, expor o Día das Letras galegas como unha peza máis do exercicio intelectual constante que é necesario para avanzarmos na tarefa da emancipación, na construción dunha cultura viva, actual. En definitiva, sen negaren a utilidade deste día, debemos afastarnos da superficialidade da mera efeméride e afondar no artellamento de mecanismos constantes que permitan construír nación tódolos días, non unicamente o 17 de maio.

Dende hai moito vimos asistindo á tentativa por parte de certos sectores de reducir a nosa cultura a unha mera liturxia. Nós entendemos que o coñecemento da propia cultura non debe consistir en ser quen de memorizar unha infinita sucesión de datos eruditos, senón en dispor das ferramentas intelectuais necesarias para producir pensamento crítico e arte de calidade.

A cultura –a súa defensa–, non consiste en facer ondear bandeiras, non é o son da gaita que ameniza o banquete do cacique, nin o baile que se efectúa para divertimento dos membros das elites. A defensa da cultura consiste unicamente na produción da cultura mesma, actividade que require das ferramentas axeitadas e, para ser de calidade, dun carácter orixinal que só pode conferir o compoñente emancipador.

Do mesmo xeito, a lingua non é –nin a nación tampouco– unha esencia que deba ser preservada nun frasco hermético por medo a que se perda no ar. A lingua non é un perfume, a súa utilidade non consiste en gozar do seu recendo. A lingua é unha ferramenta que permite avanzar no proceso dialéctico de emancipación.

Precisamente por isto cómpre rachar canto antes co discurso que culpa ás masas populares galegas da perda da súa propia herdanza cultural. Isto non implica deixar que a cultura e lingua galegas sexan relegadas ao caixón dos esquecidos pola Historia, nin moito menos conceder o monopolio da nosa cultura a aqueles que a toman como fetiche, que a interpretan como algún tipo de amuleto máxico.

A única praxe válida de defensa da cultura e lingua galegas pasa, como xa dixemos, polo artellamento das ferramentas necesarias para a articulación dunha actividade intelectual e artística netamente crítica, netamente liberadora e netamente viva, pois aquilo que é revolucionario sempre ten garantida a súa vixencia. Do mesmo xeito que mantén a súa vixencia aquela frase de Martí: “ser culto para ser libre”.

Para afrontar este traballo temos que comprender, polo tanto, que os obxectivos que se nos plantexan no eido cultural non poderán ser acadados se perdemos de vista o resto dos ámbitos. A nación non é unicamente cultura e fala, a nación é un colectivo humano cunhas características concretas. Illar a lingua e a cultura da economía e da política, da como resultado, indubidablemente, que todos os esforzos feitos por aqueles que buscan por en valor o noso país, caian en papel mollado, nun xogo etnográfico, no gusto polo exótico. E cómpre lembrar que a obsesión polo diferencial, polo exotismo, sempre implica tomar outro elemento como central. No momento en que o propio é tomado como centro do propio proxecto, o afán de diferenciación consciente, de exotismo con respecto a outros autores, desaparece, arroiado polo traballo ben feito, polo verdadeiramente eficaz.

No referente ao homenaxeado deste ano, Antón Fraguas Fraguas, non cómpre facer aquí un detallado percorrido biográfico nin unha loanza do seu talento e méritos. O verdadeiramente útil para nós, e honroso para el, e dilucidar cal é a contribución que realizou á nosa cultura. Facer isto, tomar conciencia das súas achegas, é tamén un acto resolto de Unidade Popular, pois pon a disposición das novas xeracións o legado de todos aqueles que, dende distintas sensibilidades políticas, traballaron con honestidade polo obxectivo de recuperar a dignidade do seu pobo.

Antón Fraguas tivo que pagar un prezo por este afán de dignidade, pois desenvolveu a súa actividade nuns tempos nos que a reacción dispuña das máis implacables ferramentas para manter encadeadas ás masas populares, ferramentas materializadas na ditadura franquista.

Non obstante, isto non evitou que levase a cabo unha serie de achegas inestimables, tanto no político dende o Partido Galeguista, no seu momento, como no cultural, cunha labor intelectual que ten como característica principal a dignificación da lingua galega en consonancia coa idea, consciente ou non, de progreso e de achega ao proceder científico dende a lingüística, a historia, a xeografía e a antropoloxía.

Coa súa actividade, tanto política como intelectual, Antón Fraguas trazou unha das moitas sendas que conflúen hoxe nun único camiño: o de aqueles que buscamos a emancipación dos pobos e sabemos que cultura e lingua son realidades vivas e cambiantes que deben ser empregadas para o cambio se queren seguir vivindo.

 

60341465_1359137784242707_8719377673576513536_n