Lembrando a Benigno Álvarez

Benigno ÁlvarezHoxe, 11 de marzo, queremos lembrar a figura de Benigno Álvarez a 119 anos do seu nacemento e 82 do seu pasamento. Militante do PCE de Ourense e un dos primeiros en aplicar o marxismo ás caraterísticas nacionais galegas, é unha das figuras máis importantes do comunismo galego anterior á ditadura.

Naquela época posterior á Asemblea Nacionalista de Lugo, o nacionalismo significou a superación do rexionalismo, entendendo Galicia como unha nación que ten dereito a autodeterminarse.

Luis Soto, no seu libro Castelao, a UPG e outras memorias, escribía este fragmento sobre el:

“Cando se analiza o desenrolo do nacionalismo en Galicia e as súas proxeccións sociopolíticas, alumea a figura de Benigno Álvarez, que estivo moitos anos escondida, sin lembranza e sin o espellante ensino que donou ás seguintes xeracións. (…)

Benigno Álvarez é cecais a figura máis relevante, máis significativa, máis tracendente do marxismo-leninismo en Galicia. Moreno, co seu pelo crecho e coa súa mirada de trasparencias cordiais, foi un dos precursores do proceso marxista enfocado no celme da nación asoballada e colonizada que pula pola liberación nacional.

Os comunistas de entón asimilaban as cuestións marxistas da loita de clases e da revolución social, pro afastábanse do problema nacional da súa propia terra, que era precisamente o deber limiar dun comunista espreitante dos latidos sociopolíticos do seu pobo. Benigno Álvarez refuga, prá súa comunicación oral ou escrita, o castelán, porque os traballadores galegos non saben falar este idioma. Benigno refuga tamén os conceptos rexionalista folclóricos pra estudiar o proceso da nación con tódalas súas características, o que supón loitar polo dereito de autodeterminación que é unha cuestión inseparábel da nacionalidade. Velahí como nos congresos e asambleas do seu partido en Madrid se nega a falar en castelán e non había máis remedio que poñerlle un tradutor.

A situación era verdadeiramente contraditoria porque os camaradas non comprendían que se fixese unha loita pola autodeterminación nacional sin denantes atinguir á revolución proletaria.

Un exemplo histórico, e por disgracia negativo, desta incomprensión, é o acordo que toma o Buró do PCE de nomear como candidato comunista no Frente Popular, pola provincia de Pontevedra, a Adriano Romero Cachinero, un campesino de Jaén que non entendía nin a lingua, nin a xente, nin a xeografía, e moito menos os problemas que nos aferrollaban. Era un bo rapaz que atendía un mandado e non podía atinguir a unha síntese en ningún discurso político porque viña da terra dos latifundios ó minifundismo máis completo. A disciplina do Frente Popular foi admirable e Adriano Romero saíu deputado e non no derradeiro lugar.

Este feito e outros parecidos amostran como o problema das nacionalidades, que moito se barallaba, non era comprendido, nin sequera polos máis estudiosos e honestos marxistas.

Benigno Álvarez estudiara na universidade, pois era veterinario. A mesma profesión motivou que coñecese intimamente as reaccións labregas en col da terra e do gando. Foi unha figura querida e admirada en tódolos recunchos da provincia de Ourense, e a miña propia nai, católica fervorosa, que era moi amiga del, considerouno sempre como unha flor de santidade.

Benigno Álvarez, xuntamente con Alexandre Bóveda foron candidatos do Frente Popular en Ourense, pro había moitos intereses escuros en Madrid pra afogar a representación destes tribunos, escritores e políticos nacionalistas de Galicia. Desta maneira, en lugar de anular as eleccións de Ourense falsificadas e empucheiradas, cambearon estes dous magníficos defensores do pobo por dous republicanos calquera. E deste xeito, como a Frente Popular intervira, nin siquera se puido protestar.

Chegada a sublevación feixista, Benigno foise ó monte, onde tiña a cobertura e agarimo de tódolos campesinos. Era un home enfermo do peito. Atopábase nun muíño das montañas de Montederramo e duelle unha pulmonía aló polo mes de febreiro de 1937. Díxolle ó muiñeiro: “Sácame pra fóra e deixame lonxe no camiño; estou morrendo, e se collen o meu cadavre aquí vante matar.” O muiñeiro, cando el morreu levouno -pesaba pouco- onde lle dixera. Cinco días despois un uniformado de falanxe que o atopou disparoulle cinco tiros na testa pra poder cobrar as cen mil pesetas que ofrecera pola súa vida a Marquesa de Atalaya Bermeja. Cando se lle fixo a autopsia confirmouse que os cinco tiros foran feitos sobor dun cadavre.

Benigno non concebía como existindo homes tan extraordinarios nos comenzos do comunismo en Galicia como eran Victor Fraiz, Docampo Pousa, Garrote, Araúxo, e outros máis, se mandase un querido compañeiro de Jaén a “colonizar” o noso marxismo de pureza e lealtade.

A figura de Benigno Álvarez foi tan extraordinaria que hoxe en tódolos lugares de Galicia pregúntase como era, que escribiu, que fixo, que ensinou. Nós queremos só patentizar que a súa vida de bondade e de loita contra os enemigos dos traballadores foi decote exemplar. Algún día se lle fará un monumento en Maceda, a súa terra nadal.

Enténdese a magnitude política de Benigno cando se olla o prestixio acadado entre os labregos de Galicia ós que é sempre difícil convencer dunha liña política determinada, xa que arreo foron enganados. Velahí onde se atopa o segredo do Partido Comunista na provincia de Ourense que figuraba entre as primeiras que extende máis carnets de afiliados. Compréndese isto porque Benigno, ademais de marxista-leninista era un nacionalista galego afervoado e convencido. Deste xeito, nutría a súa doutrina e a súa estratexia tendo en conta os xermes revolucionarios que atesouraban os labregos, como fora o erguemento agrario de Basilio Álvarez, ensanguentado de mártires, e que sementara nas conciencias a necesidade da revolta indispensábel pra poder traballar as súas leiras, sin foros, sin gabelas, cunha migalla de felicidade. Asimesmo fornecíase o ensino de Benigno Álvarez de sedimentos nacionalistas,que viñan dende Xoán Viqueira e Alfredo Brañas, e que conservaban acentos dun nacionalismo rotundo, enfiado, nos feitos, cara o socialismo.

Benigno explicaba con sinxelas verbas o significado do centralismo, que non só asoballou colonialmente ás nacións que integraban o estado, senón que a través dos partidos políticos, todos centralistas, -facendo a excepción dun feble Partido Galeguista que misturaba os conceptos de rexión e nación- someteu, por medio de consignas sin xeito, o nacionalismo galego que non podía pular na súa diferenciación nacional e nas súas arelas de libertade, xa que os líderes dos partidos trasladaban consignas de Jaén a Pontevedra, por exemplo. Engadía ideas nacionalistas, arreo, nos seus discursos e nas súas conversas. Os feitos e os propósitos se non se explican ó proletariado con verbas claras e sin confusións non adiantamos nada, porque entón as decisións coxean e a xente que escoita trabuca os conceptos que non se expresan no seu idioma e desespera na súa situación política, porque endexamais lle falan direitamente á súa mente, que está impregnada da súa alma nativa. Velahí como explicaba Benigno que a diferenciación da lingua amostraba rotundamente como Galicia constituía unha razón, pois el mesmo non expresa nidiamente o seu pensamento ó traducilo o castelán.”

Remataba Luís Soto o citado libro lembrando “catro espellos onde podían ollarse tódolos homes de ben da nosa terra e tódolos amigos da democracia tan nomeada e tan agachada.” Estes catro espellos eran Alfonso Rodríguez Castelao, Alexandre Bóveda, Xosé Gómez Gayoso e mais Benigno Álvarez, do que dicía o seguinte:

“Benigno Álvarez, comunista cabal, nacionalista galego explendente, que morre no monte e sinala vieiros de internacionalismo proletario vencellado íntima e indisolubelmente ó nacionalismo que supón o respeito á diferenciación sociopolítica e cultural da nación, que ten dereito a autodeterminarse e liberarse de tódalas opresións.”