Hospital Álvaro Cunqueiro: a nosa saúde non é un negocio!

A semana pasada comezaba a funcionar en Vigo o novo hospital Álvaro Cunqueiro cos primeiros ingresos de doentes procedentes do hospital Meixoeiro. Nos primeiros días, as traballadoras comezaron a notar numerosas deficiencias no complexo hospitalario: desprendementos no teito, falta da medicación necesaria, quirófanos sen lavabos para a hixiene do persoal sanitario, ausencia de sala de espera para os pacientes que acoden facer unha resonancia magnética, facendo que teñan que agardar na rúa para entrar no camión onde se realizan as probas etc. A estas deficiencias materiais únense a escaseza de persoal sanitario  e a mala distribución das áreas do complexo, por exemplo, o servizo de obstetricia e xinecoloxía está catro plantas separado da sala de partos e dos quirófanos, co risco que isto implica no caso de ser necesario o traslado de urxencia das pacientes.

Sindicatos e diferentes asociacións están a denunciar estes problemas do hospital, insistindo en que se deberían solucionar antes de comezar co traslado dos pacientes, mais non hai resposta clara por parte das persoas responsábeis da situación.

Por se non fose pouco, tras levar un tempo ocupando o hospital, atopáronse nalgunhas estancias ratos e deposicións dos mesmos. Ademais, unha análise demostrou que diversos fallos nos filtros do aire poderían contaminar salas da UCI e os quirófanos. Foi entón cando se ordenou a paralización dos traslados durante, mínimo, quince días.

A todo isto hai que engadir que o aparcadoiro, o mais caro da Galiza, custa 1’86 € cada hora e non existe a posibilidade de aparcar o carro arredor do Álvaro Cunqueiro, polo que non hai alternativa. Os prezos para usar a conexión a internet, a televisión ou a radio son tamén insultantes e imposíbeis de asumir para as familias máis humildes. Conta unicamente co 60% das camas que se prometeran, cun terzo dos quirófanos e co 50% das instalacións de urxencias.

Con soamente unha semana en funcionamento, o Álvaro Cunqueiro demostra ser outra estafa mais á clase traballadora galega. O proxecto inicial, que era o de aliviar a sobrecarga de traballo  dos outros centros da comarca de Vigo, resultou ser o desmantelamento de gran parte do CHUVI e doutros centros vigueses.

Desde XEIRA esiximos que se tomen responsabilidades políticas contra esta desfeita. É totalmente inadmisíbel a situación da infraestrutura, a situación dos servizos, a falta de persoal e menciñas e os prezos a pagar por obter unha atención médica nun complexo hospitalario público de recente creación.

Animámosvos a que acudades á manifestación do próximo xoves 3 de setembro que partirá do Hospital Xeral de Vigo. A nosa saúde non é un negocio!

Imprimir