Historia do 8 de marzo

A orixe do Día Internacional da Muller traballadora está agochada por diversos mitos ou hipóteses que foron xurdindo ao longo do tempo. Unha destas hipóteses di que o 8 de marzo de 1857 as mulleres dunha fábrica novayorkina protestaron pola mellora das súas condicións laborais, e como consecuencia disto, o patrón fechounas dentro e prendeulles lume, o que acabou coa vida de 129 mulleres. A hipótese prosegue coa afirmación de que o Día Internacional da Muller celébrase para conmemorar este terrible feito. Outra hipótese fala de que dito incendio ocorreu o 8 de marzo de 1908, mais ese día era domingo, e é difícil pensar no comezo dunha folga un domingo. Ademais, tamén existe a teoría de que a orixe poido se unha manifestación do sector téxtil que tivo lugar en Nova York, nesta mesma época. Mais de ningunha destas teorías existen datos rigorosos e contrastables. De feito este incendio ocorreu no ano 1911 na fábrica “Traingle Shirtwaist Company” en Nova York, onde morreron máis dun centenar de traballadoras. Por outra banda, tamén se produciu a manifestación do sector téxtil, mais o 27 de setembro de 1909 (prolongándose a folga durante 13 semanas ata o 15 de febreiro de 1910).

Cando acudimos a fontes fidedignas, topámonos coa celebración da II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas celebrada en Copenhague no ano 1910. Alí mesmo aprobouse por unanimidade a proposta que fixo Clara Zetkin e deste xeito estableceuse o Día Internacional da Muller Traballadora como método de loita pola causa da muller. Polo tanto nin a folga téxtil, nin o incendio de Nova York, que adquiriu grande relevancia nos encontros anuais posteriores, foron orixe da efeméride. A hipótese máis críbel é que a finais so século pasado se tratara de desvincular a aparición dese día co socialismo. Mais, as diversas hipóteses que xurdiron, ben vemos que non se sosteñen.

Nos EEUU xa se celebrara o Women’s Day o 28 de Febreiro de 1909, feito que continuou tendo lugar ata o ano 1913. Porén, esta celebración era tan só de carácter nacional.

O primeiro Día Internacional da Muller Traballadora tivo lugar o 19 de Marzo de 1911 en varios países de Europa. Nese primeiro encontro participaron máis de un millón de mulleres coas seguintes reivindicacións:

  • dereito á formación persoal
  • dereito ao traballo
  • dereito ao voto
  • dereito á ocupación de cargos públicos
  • dereito á non discriminación polo feito de ser muller

Seguindo coa historia da loita da muller, tras o éxito do primeiro encontro máis países fóronse sumando á manifestación pública. Mentres que Rusia xa se uniu en 1913, en Europa houbo que agardar un ano para que se fixeran mitins en apoio á muller e contra a Primeira Guerra Mundial (IGM) en datas preto do 8 de Marzo do ano 1914.

Foi o 8 de marzo de 1917 en Rusia cando, por consecuencia da escaseza de alimentos, as mulleres amotináronse. Este importante acontecemento marcou o comezo da Revolución Rusa que rematou co réxime zarista e co establecemento dun goberno provisional que concedeu ás mulleres o dereito ao voto, por primeira vez. A consecuencia destes feitos estableceuse no calendario gregoriano o día 8 de marzo coma o Día Internacional da Muller Traballadora.

A Unión Soviética liderou a reivindicación do 8 de Marzo durante anos. Trala revolución Alexandra Kollontai, que dende que fora nomeada Comisaria do Pobo para a Asistencia Pública conseguira o voto para a muller e a legalización do aborto e do divorcio, conseguiu tamén que o 8 de Marzo pasase a ser festa oficial na URSS. Este logro fixo que o día se estendera a aínda máis países, en China, por exemplo, comezouse a celebrar no 1922 e no Estado Español no 1936.

Nós tomamos o relevo de Clara Zetkin e Alexandra Kollontai, que souberon entender que só seremos capaces de acadar unha sociedade igualitaria, sen patriarcado nin capitalismo, se nos organizamos e loitamos en prol do socialismo.

Viva a loita revolucionaria!

Vivan as mulleres revolucionarias!

un