Feminismo e amor

http-soeblog.group_.shef_.ac_.ukwp-contentuploads201306o-FEMINISM-facebook-505x336

Tras a conquista de dereitos sociais coma o voto, que protagonizou a segunda onda do feminismo, este comeza unha terceira onda baixo o lema: o persoal é político.

É unha obviedade que baixo o patriarcado as mulleres xogamos un papel desvantaxoso nas relacións sentimentais. Así dende o feminismo loitouse por un maior grao de emancipación da muller no seo da parella. O control que se exerce sobre nós a nivel estrutural maniféstase culturalmente no control que exercen os homes sobre nós física e emocionalmente, tanto a nivel parella como a nivel social; un reflexo que foi relativamente sinxelo de ver, mais non de entender.

Ante esta situación, o feminismo desviviuse por desnaturalizar este control, e os resultados penso que son palpables a nivel cuantitativo cando a concepción de parella que temos as mozas racha coa das nosas avoas e en gran medida coa das nosas nais. Porén, a incapacidade de saber ler correctamente o amor levou ao feminismo a transformar lemas que calaran nas mozas como “os celos non son amor” en construcións teóricas erróneas.

Todos os elementos sociais forman parte dun todo orgánico, non existen relacións sociais que se poidan desenvolver con independencia, e, como marxistas, debemos entender que toda a construción que se ergue por riba destas é dependente delas e ten un punto de partida profundamente condicionado, que nos dá marxe para cuestionar estas relacións, pero non para independizarnos da súa influencia.

Os sentimentos non son unha excepción, e así debemos entender o amor no seu contexto. Este componse dun conxunto de sentimentos e actitudes que se desenvolven a partir dunhas condicións materiais concretas, que neste caso son as dadas polo patriarcado, e forma parte do conxunto de elementos que codifican a superestrutura. Noutras palabras, o amor desenvólvese a partir das pautas de xogo do patriarcado. O fallo que cometeu o feminismo foi entender o amor como un concepto metafísico, e non como un nome que a sociedade precisou darlle a unha realidade.

En definitiva, o amor é patriarcal, polo que aínda que “os celos non son amor” nunha lectura frívola da afirmación, si forman parte deste. As bolboretas na barriga son unha sensación satisfactoria, pero patriarcal. O amor non é libre, nunca será libre baixo estas condicións, e atreveríame a dicir que non o será nunca, porque no momento no que estas muden, os sentimentos que desenvolvamos serán diferentes e adaptados a esa nova realidade, e pode que sexan entendidos baixo o mesmo nome ou pode que non. É por iso que o feminismo debe ter coidado nas súas conclusións, e rachar con todas as baseadas en erros, que tanto tempo levan introducindo na nosa loita diferentes correntes.

Debemos acabar coas falsas ilusións do amor libre, e tamén coa idea de que, se o patriarcado reproduce un modelo de conduta, a medida liberadora é actuar de xeito contrario; como por exemplo apostar por unha oposición á monogamia e focalizar a culpa neste xeito de relacionarse, cando existen formas de patriarcado no mundo das que forma parte a poligamia. É dicir, debemos deixar de dirixir as culpas da nosa situación ás formas que adopta o patriarcado, con teorías individualistas como as baseadas na emancipación mediante unha deconstrución de identidades, e comezar a facerlle fronte con firmeza.

Aquí é onde xorde a pregunta: está mal namorarse? Penso que sentir cousas satisfactorias non é algo negativo, e tanto as cousas positivas como as negativas é moi complicado sentilas doutro xeito que non sexa patriarcal. Como feministas, debemos focalizar a nosa forza contra o patriarcado, e facer paralelamente loita ideolóxica, mais penso que todo o mundo precisa de vez en cando un respiro, un descanso que nos axude e coller forzas, porque non deixamos de ter sentimentos, necesidade de subir a autoestima e un pouco de alegría que nos faga ver claros os obxectivos e de xeito positivo; e que mellor para isto que un pouco de amor?

María Bentrón, militante de Xeira.