Sobre a folga dos estibadores

estibadores-san-sebastian-kPBE--620x349@abc
Nos últimos días, os estibadores dos portos do Estado anunciaban unha folga que, como non podía ser doutro xeito, trouxo polémica consigo.
 
A maquinaria do Réxime púxose a funcionar, e tanto telexornais, programas de televisión como a propia prensa comezaron a espallar a súa mensaxe clasista destinada a dividir e a asoballar aínda máis á clase obreira.
 
Os argumentos principais que se deron pasaron pola difamación sobre a conduta dos propios estibadores, altercados supostamente acontecidos nos centros de traballos, a existencia dunha “folga encuberta” e mesmo por un suposto status de privilexiados destes.
 
Moito fala a patronal da conduta dos traballadores sen ningún tipo de probas pero, que hai da actitude da patronal? No noso país, no Porto de Vigo, a Autoridade Portuaria mediante un decreto aprobou a prohibición da folga. O motivo aparente é que a labor que leva a cabo a empresa SEGAP (estibadores) “é esencial para o funcionamento da PSA-Peugeot-Citroën”.
 
Ademais, a Fábrica está dominada polo “sindicato” amarelo SIT-FSI, un sindicato que ameaza e cohibe ás empregadas da fábrica para manterse no poder. Non hai máis que mirar a súa páxina web, que se asemella máis á dun departamento de marketing da multinacional francesa (con xoias como publicidade de ABanca), que a un sindicato. Os propios ataques da patronal esmorecen polo seu propio peso.
 
Volvendo ao tema de que o servizo da SAGEP é “esencial para o funcionamento da PSA”, atopámonos ante unha afirmación máis absurda que a anterior, perfectamente comprensible tendo en conta as palabras de Lenin: “As persoas foron sempre, en política, vítimas necias do engano alleo e propio, e seguirano sendo mentres non aprendan a descubrir detrás de todas as frases, declaracións e promesas morais,relixiosas, políticas e sociais, os intereses de unha ou outra clase”.
 
O adxectivo “esencial” é a clave de todo. Esencial para quén? Para que clase? A produtividade da PSA pode medrar enormemente, pero iso non repercute positivamente nin nos salarios nin na calidade de vida, tanto dos empregados desta, como dos estibadores da SAGEP. Segundo dirían os capitalistas, se se logra unha maior produtividade, reclamaríanse máis suministros. Se non intercede un factor externo que leve á creba á empresa na que traballan os estibadores no Porto, a devandita empresa podería seguir funcionando.
 
Tanto a PSA como a SAGEP, como calqueira empresa portuaria capitalista do resto do Estado, vai á procura dunha maior produción para poder vender máis barato e expulsar aos seus competidores do mercado e acaparar máis materias primas no mundo.
 
As consecuencias nos salarios e condicións de traballo dos obreiros, que se verán sometidos a diferentes métodos de incrementar a súa explotación, non se farán esperar: a baixada de salarios, o aumento da súa xornada laboral, o aumento da intensidade do traballo e a incorporación de nova maquinaria que empurra aos traballadores a formar parte da masa de desempregados á que Marx chamou “exército industrial de reserva” son as consecuencias.
 
Que ten isto de válido para nós? Absolutamente nada máis alá de denunciar que a propia burguesía non cumpre o marco legal deseñado por eles mesmos para explotar á nosa clase, pois ningún salario é xusto.
 
Ningún salario é xusto xa que non hai empresa no mundo que non extraia plusvalía a un traballador e este reciba máis do que produce.
 
Para demostrar que o que se afirma é certo, de igual xeito que a historia se transforma coa acción e non mediante a contemplación, os capitalistas son incapaces de extraer beneficios se as mans dos obreiros que poñen a funcionar as máquinas non traballan.
 
Non son os nosos inimigos, son parte da clase traballadora e polo tanto da maioría social que constitúe o tecido nacional-popular do noso país.