Daría González García

Daria González Definitivo Naceu en Pontevedra en 1912. Estudou o bacharelato en Pontevedra e ao rematar, rexeitando os costumes da época, matriculouse na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en Filosofía e Letras (sección Historia) en 1935, sendo pioneira da presenza feminina na universidade. De feito, é unha das poucas mulleres que participaron no Seminario de Estudos Galegos como socia protectora (non se coñecen máis que nove socias protectoras do Seminario).

Tras a licenciatura, Daría estudará Maxisterio en Pontevedra e graduarase en 1949. Militante no Partido Galeguista desde 1932 ata 1983 —data en que abandonou a práctica política, logo do fracaso da súa candidatura no Partido Galeguista nas municipais de 1983—, foi concelleira en Pontevedra por Unidade Galega en 1979, na primeira corporación democrática, e será tenente de alcalde de Cultura entre 1980 e 1983. Como non se lle permitira presentarse ás oposicións de Adxuntos de Instituto polos seus antecedentes políticos, pasouse á Administración do Estado e, de feito, pertence á primeira promoción de mulleres co título de Técnico da Administración Civil do Estado.

En 1950 creouse en Pontevedra o Colexio Inmaculada, neste colexio traballaría ata 1954, logo nos institutos de educación secundaria de Marín e, sobre todo, de Pontevedra, dedicouse ao ensino durante 44 anos; así que, polas súas aulas, pasaron varias xeracións de pontevedreses e pontevedresas que a relembran como unha mestra afable e comprensiva, como unha gran muller.

Xosé Luís Méndez Ferrín, alumno seu no Colexio Inmaculada, recordaba que, na Pontevedra dos anos cincuenta, a «señorita Daría», como adoitaban chamala daquela, utilizaba nas súas clases o método pedagóxico de Froebel, e a influencia que nas súas propias clases tivera «aquela muller galeguista e ceibe sempre co sorriso nos beizos». Socia fundadora da Fundación Alexandre Bóveda, formou parte da xunta reitora da Fundación Castelao, sempre estivo vinculada ao Museo de Pontevedra e tivo un destacado papel na cultura local pontevedresa durante moitos anos. Morrería 20 de xaneiro de 1999.

Fonte: http://www.culturagalega.org/album/detalle.php?id=348