Cuestión nacional galega

A diferenza de certos discursos que leva o nacionalismo galego, nós non apostamos pola defensa da nosa nación apelando a que hai moitos séculos existiu o Reino de Galicia, xa que existen nacións como Cataluña que non contaban co seu reino no feudalismo. O conflito nacional pode presentarse de diferentes xeitos. No exemplo catalán, dáse unha disputa entre as burguesías dominada e dominante; porén, o conflito nacional non se dá sempre partindo da loita polo mercado entre estas burguesías dende o capitalismo ascensional, é dicir, na etapa premonopolista do capitalismo. Na aínda actual etapa, a imperialista, o conflito nacional adquire outra forma: dáse en clave de dominación colonial, como ocorre no noso caso.

Para entender o proceso, debemos remontarnos ata as Revoltas irmandiñas. Estas evidenciaban a crise das relacións xurídicas feudais que regulaban a servidume da terra; é dicir, evidenciaban a crise das relacións de produción do réxime. Foi o movemento comunal máis importante que houbo na Europa do século XV. A derrota da revolta galega levou a Galicia a contar durante tres séculos cunhas cidades moi pobres en comparación coa actividade no campo, pois non había unha dinámica propia. Nelas había sobre todo administrativos e moradías dunha aristocracia castelá ou unha aristocracia que respondera polos intereses de Castela. Todo isto ocorre mentres se desenvolvía en Europa o que na historiografía burguesa é chamada a Idade Moderna. É dicir, a derrota do campesiñado supuxo a derrota posterior da burguesía galega.

O capitalismo comeza a desenvolverse en España, desenvólvense o comercio e as vías de comunicación, xorden grandes cidades, e consolídase economicamente. En Galicia, a aristocracia acaba perdendo a función dirixente e ponse ao servizo da política española. Contamos cunha nación que carece de burguesía nacional ou, no seu defecto, de burguesía que aposta polo desenvolvemento nacional. Existe unha pequeno burguesía con incapacidade política, que se ve precarizada polas trabas xurídico-políticas impostas polo Estado. Unha economía precapitalista na que a terra e o mar teñen aínda un papel moi importante na produción no país. A banca e o comercio baixo nomes foráneos, e un proletariado que traballa para industrias estranxeiras, como os cataláns na pesca de arrastre, os vasco-franceses nos curtidos ou os leoneses no comercio. Falamos entón da nosa nación como colonia.

A situación do precapitalismo galego mudou, perdendo importancia o ruralismo e concentrándose a poboación nas cidades, nun proceso de proletarización. A cuestión rural debe de tratarse, non como unha transformación da mesma, senón como unha demolición da sociedade campesiña. Porén, ante todos estes cambios, a situación na nosa nación séguese a explicar en clave colonial.

O autonomismo non nos permite desenvolver o autogoberno e fai das diferentes nacións do Estado unha equiparación con territorios rexionais como Estremadura.

A emigración explícase dende a economía como un desaxuste, por unha banda, pola presión demográfica e a estrutura do sistema produtivo, e por outra banda, ante a capacidade de produción de excedente e o destino deste. Noutras palabras, a produción de excedente por parte do pobo galego non é reinvertido no propio pobo e desenvolvemento deste, polo que este vese na obriga de emigrar. A emigración a nivel político supón unha renuncia á loita. A formación de capital dunha nación procede, ou ben dos recursos da propia nación, ou ben dos recursos absorbidos de fóra, e nós non contamos con ningunha destas fontes.

A relación colonial de dependencia é institucionalizada; é dicir, o marco institucional permite e apunta por unha defensa destas relacións de dependencia. Esta situación evidénciase ante o papel relegado a Galicia: tercialización do territorio, precaria industrialización, e usurpación do nosos recursos naturais clave (Ence, Fenosa, etc.).

Este papel que xoga Galicia no Estado vese reflectido nalgúns dos tópicos que sufrimos e na cultura que (sobre todo) o proletariado das nosas cidades asume como propio. Neste proceso de proletarización colonial, o nacionalismo leva un discurso que semella ter morriña ante tempos anteriores, os precapitalistas, nos que a cultura era a cultura dun país coa colonización menos desenvolvida e polo tanto unha cultura de pobo semellante á feudal. Noutras palabras, o Estado, a través dos medios de comunicación, da educación, etcétera, fai loita ideolóxica, e isto sumado á incapacidade da pequenoburguesía no desenvolvemento dunha cultura propia e a que partimos dunhas condicións de produción colonial que rompen coa nosa vida económica común, a cultura e o pensamento que desenvolve o noso proletariado responde pola nosa situación no Estado.

Hai que rachar con desexos alienantes nas múltiples formas que presente e disputarlle o desenvolvemento do noso país á oligarquía española.

Por todo isto, vémonos na obriga de formularmos unha solución ante estas condicións. Debido á que a acumulación de capital non vén do ceo, senón que ten que ver cun cambio de destino dos recursos producidos pola clase traballadora, para o desenvolvemento do noso país é precisa a financiación. Precisamos unha industrialización do país, a financiación dos avances científicos e tecnolóxicos, e garantir para a nosa clase unhas condicións de vida dignas. Porén, este proxecto entra en contradición co noso papel dentro do Estado, polo que o primeiro paso a dar é a autodeterminación.

Non é posible falar da autodeterminación mentres unha nación non posúa os poderes político e económico baixo o seu control, polo que hai que apostar en primeiro lugar pola independencia. Tamén entendemos que as nacións son unha unión de contradicións, e estas son vertebradas pola contradición capital-traballo, polo que nós debemos elaborar unha estratexia en clave socialista. Na nosa situación concreta, a contradición colonia-metrópole e a contradición capital-traballo sintetízanse na contradición clases populares galegas – oligarquía española.

Calquera intención dun proxecto popular unitario das nacións do noso Estado acaba por presentar problemas debido á realidade obxectiva da que partimos: o conflito nacional.

A independencia e o socialismo é unha conclusión ante as condicións nas que nos vemos envoltos; é dicir, somos independentistas porque somos comunistas. Alonxámonos deste xeito de explicacións que non se ateñan á análise marxista ou que respondan por outros intereses. O actual nacionalismo reaccionario galego, ancorado nunha defensa cultural esencialista que non se corresponde coa realidade, como dixen antes, morriñenta por tempos anteriores, e con proxectos difusos enténdese ante a impotencia da pequenoburguesía de imporse. As condicións do noso país como colonia esixen que a liberación se dea en clave popular e cunha dirección necesariamente comunista, polo que calquera impulso de outras alternativas como esta tradúcese nun retraso ou atranco ata a consecución deste proceso de liberación nacional. É dicir, o nacionalismo galego é españolismo.

Recollendo o legado das nosas precedentes, e facendo fronte á nosa triste realidade, que non é máis que a triste realidade das clases populares do noso país, e como xa dixo un dos nosos grandes referentes, reclamo a liberdade pró meu pobo. Patriotismo sobre as bases da igualdade e o internacionalismo. Construamos a República popular Galega!