Crónica dunha loita!

Bandeiras dos pobos, berros a un só golpe, pulmóns que se desfacían mentres un sentimento de unidade crecía.

Pasos,

palmadas,

puños ergueitos a un mesmo ritmo.

Era o son dos pobos en loita, o son que fixo tremer a Madrid, corazón do imperio, marioneta do capitalismo. Este sábado albiscamos un raio de luz, creación dos homes e mulleres dos sectores populares, dos obreiros, da clase traballadora … Foi emoción o que sentimos ao ver dous millóns de persoas pedindo ao mesmo tempo; “pan, traballo e teito”.

A columna galega desprendía combatividade e forza de pobo na súa chegada a Madrid, tamén na súa andaina, cun firme paso para nos atopar co resto das columnas, vimos como unha marea de dignidade lle fixo fronte a  “España” cárcere dos pobos.

Patética é a contradición na que chegan a caer, véndennos pacifismo, ensínannos covardía pero  por levar bandeiras fomos rexistrados, por discordar e posicionarnos fomos detidos, será un delito non crer nos valores burgueses que nos ensinan.

Véndennos pluralidade pero xa dicía Simone de Beauvoir : “ A verdade é unha, o erro múltiple, non é casual que a dereita profese pluralismo” , ensínanos que hai  que respectar todas as expresións pero neste estado non hai liberdade de expresión. Fomos coaccionados cara o sábado, por que sabiamos o despregue policial, fomos reprimidos durante meses cando anunciábamos a convocatoria e agora somos perseguidos como terroristas cando o estado é consciente que o sábado houbo unha inflexión na sociedade.

Será un delito, entón, nacer obreiros, pero orgullosos dun pasado e dun futuro de dignidade, pois o 22-M só foi o primeiro chanzo dunha escada firme e dificultosa, nós só temos unha conclusión;

Pola vía da unidade a clase obreira abre o camiño cara unha sociedade xusta e libre.

O pobo xa non deixará de camiñar, alentamos dende XEIRA que a marcha cara a dignidade non se difumine, pois hai unha guerra entre clases irreconciliables, está nas nosas mans gañala.

Seguiremos construíndo un mundo mellor!

Viva a unidade dos desposuídos!

Viva a loita dos pobos!

bjv7cnfiiaavope_large