Comunicado ante o desaloxo de Aríns

Fai uns días que se viña anunciando o desaloxo de Carlos e María da súa casa de Aríns, vítimas dunha estafa na que caeron o atoparse en apuros económicos. Moitos foron os esforzos de todas as compañeiras para impedilo, mais a desproporcionada presenza policial e a brutalidade que exerceron dende primeira hora da mañá, impedindo o acceso á casa cando aínda era propiedade de Carlos e María e empurrando e insultando a todas as que se concentraban apoiando ás que permanecían na casa, daba unha mostra do difícil que ía ser parar o desaloxo.
Chegada a hora de entrar na casa non dubidaron un segundo en cargar contra as concentradas golpeándoas e reducíndoas sen previo aviso cos escudos. Nese momento dous compañeiros, entre eles un militante de XEIRA , foron acurralados e separados para proceder a identificalos e sancionalos. Cando o mediador intentou intervir para rebaixar a tensión catro policías abalanzáronse sobre el reducindo e deténdoo.
10290668_304060353110419_7127015582316688598_n
Nese momento desatouse unha verdadeira persecución de todas as concentradas, conseguindo algunhas refuxiarse na casa.  A policía procedeu a entrar nese momento na casa arrastrando polo pescozo a varias compañeiras para sacalas. A familia ante todos os acontecementos decidiu abandonar o seu fogar para impedir que continuasen  as agresión da policía fronte as compañeiras que resistían aínda impedindo o seu avance.
O Capital hoxe deu unha lección práctica de cal é a súa verdadeira natureza, que o seu Estado a súa xustiza e a súa policía son ferramentas que emprega para lexitimar e soster o poder fronte os traballadores. As bágoas de rabia téñennos que facer ser máis conscientes que nunca da necesidade de loitar para transformar esta realidade social, e de convencernos que temos que seguir na rúa día a día construíndo un futuro para a nosa clase.
Por iso esiximos a  absolución total dos sancionados, a liberdade do compañeiro detido e a e o lexitimo dereito a vivir dignamente de Carlos e María.