Clara Zetkin

mércores

Clara Zetkin foi unha política feminista alemá que naceu o 5 de Xullo de 1857 en Wiedenau (Saxonia).

Estudou maxisterio en Leipzig e afiliouse ao Partido Socialdemócrata no ano 1881. Exiliouse en Suíza e París, onde escribiu e distribuíu literatura clandestina e tamén coñeceu a numerosos líderes socialistas internacionais.

Case dez anos despois, e tras participar no congreso fundacional da Segunda Internacional Socialista en 1889, regresou a Alemaña e desde Stugart, editou o xornal de mulleres socialistas Die Greichheit (Igualdade), que se publicou entre 1892 e 1917, tamén foi a organizadora da sección feminina do partido.

En 1910, durante a conferencia de mulleres socialistas celebrada en Copenhague, propón a resolución que converteu o 8 de marzo no Día Internacional da Muller Traballadora, como homenaxe ás 129 traballadoras da fábrica Sirtwood Cotton de Nova York que, tras pecharse no seu lugar de traballo para reivindicar un salario digno e a redución da xornada laboral a 10 horas, morreron carbonizadas no interior do recinto tras un incendio provocado polo seu patrón.

A partires do ano 1914, coa entrada de Alemaña na I Guerra Mundial, traballa xunto con Rosa Luxemburgo en actividades para deter a guerra, únese aos esparquistas e é detida e apresada en numerosas ocasións.

En 1918 pasa a ser membro do primeiro Comité Central do Partido Comunista, representándoo no Reichtag desde 1920 ata 1932. Foi elixida para a presidencia da Terceira Internacional en 1921, mais a partires de entón e a raíz do auxe do nacionalsocialismo, pasou a exiliarse na Unión Soviética. Clara Zetkin morre en Moscú o 20 de Xuño de 1933.