AUTOCRÍTICA

Perante os feitos que onte empañaron a III AN de ANOVA, dende
Xeira queremos manifestar o noso profundo rexeitamento e desaprobación
destas intolerables conductas, que en ningún caso poden eclipsar o bo
funcionamento e cordialidade xeral no que discorreu dita asemblea e a
militancia de ANOVA durante este lustro, sen servir isto de excusa
para deixar pasar e non tratar dito tema, incompatible coa militancia
revolucionaria.

Por moi agresivas que sexan as provocacións, insultos ou
ameazas, non é de recibo, por parte de ningunha persoa que acredite na
emancipación, caer nin verse envolto, e polo tanto alimentar e
reproducir esas conductas tóxicas, das cales nos desmarcamos como
organización coa consecuente separación inmediata da militancia da
nosa organización de quen tivo prácticas antitéticas co compañeirismo,
a fraternidade, a construción en común, e, non hai que esquecelo, co
feminismo.

Por último, dende a nosa organización queremos pedir a nosas
máis honestas e enérxicas desculpas polo dano que militantes nosos
puideran ter ocasionado ao movemento popular, militantes que, como xa
decimos, foron apartados da militancia (polo menos de xeito temporal,
ata que se demostre predisposición e formas para volver a militar), á
vez que mentres non militen serán aplazados a acudir de forma
periódica a talleres de formación implantados por compañeiras sobre
despatriarcalización das prácticas socio-políticas, aprendizaxe de
coidados e compañeirismo. Non esquezamos que a agresividade e a
violencia entre iguais é unha forma estrutural do patriarcado e dos
seguintes modos de explotación de disgregar e dividir ás desposuidas

Agardamos que esta sincera e humilde autocrítica, e esta resposta o
máis rápido que nos foi posible sexa todo o construtiva que nos
gustaría para avanzar, paseniño, na eliminación das prácticas
testosterónicas e destrutivas das que lamentablemente todas somos
reféns.

Comité Central de Xeira.