A moral comunista para a rectificación das ideas erróneas da organización comunista

101 aniversario da Revolución Bolxevique“As ideas dominantes non son outra cousa que a expresión ideal das relación materiais dominantes, as mesmas relacións materiais dominantes concibidas como ideas; polo tanto, as relacións que fan dunha determinada clase a clase dominante son tamén as que confiren o papel dominante ás súas ideas” – Marx

Antes de nada, cómpre facer unha reflexión entorno ao que Marx e Engels acuñaron como Ideoloxía. A Ideoloxía viría a ser así a visión invertida que temos da realidade atravesada polos intereses da clase dominante. Así, desbotamos aquelas visións ideoloxizadas sobre a propia Ideoloxía, como se existiran Ideoloxías individuais e propias e non houbera ideas, cosmovisións e xeitos de analizar a realidade sistematizados pola Ideoloxía dominante, é dicir, polo que en marxismo entendemos en oposición á (con)ciencia. A conciencia, como ben apuntan os nosos maiores teóricos do marxismo-leninismo, adquírese por unha actividade teórico-práctica científica, polo que como diría o camarada Mao Tse-Tung: Inadmisible! Hai que investigar!

Á palabra camaradería adoitamos outorgarlle valores tales como a lealdade, a confianza, a honestidade, o apoio mutuo, o traballo e o cerebro colectivo, a crítica e a autocrítica, a dignidade e o orgullo colectivo. Se ben ningún aspecto da sociedade está exenta da contradición de xénero que nos vertebra dende a constitucións das primeiras clases da Historia, a camaradería non é unha excepción. Quixen enfocar así este artigo posto que así como na propia camaradería se poden observar actitudes individualistas e pequenoburguesas que conciben a militancia como un xeito de ascenso social ou variables semellantes, é moito máis cotiá ver conflitos no propio seo da nosa clase, e non cunha orixe pequenoburguesa, senón actitudes clasistas froito do conflito de xénero, que desgastan á militancia e en especial ás mulleres da nosa clase, así como crean un ambiente relacional que entra en contradición co xeito anteriormente citado de comprender a propia camaradería. Así como facemos unha labor exhaustiva para rematar cos comportamentos pequenoburgueses nas nosas filas debemos ao mesmo tempo realizar tal labor exhaustiva por minimizar a ideoloxía clasista de xénero, pois é unha ferramenta de dobre fío para o noso proxecto político.

O conflito de xénero é aquel que só pode resolverse de dous xeitos antagónicos: elevar tal conflito ata acadar niveis físicos e de imposición última duns ou doutros intereses de xénero dentro do contexto social e económico vixente… ou a conciliación a partir do estudo científico da realidade social e da súas manifestacións na Ideoloxía. A segunda opción é a única posible para a construción de Estados Socialistas e para que estes se manteñan no Poder sen que o conflito de xénero supoña unha ferramenta da propiedade, senón todo o contrario: unha ferramenta de impugnación da mesma. Así mesmo, a conciliación só é posible cando existe comprensión, acordo e entendemento entre as dúas partes, senón non hai acordo, habería cesión dunha parte ante a subxectivización da outra. Deste xeito, cómpre primeiramente facer un par de apuntes iniciais:

  1. Como todo conflito de clases, o conflito de xénero iníciase no momento no que a clase dominante impón o Poder político sobre a dominada a partir dunha serie de intereses económicos. Neste caso, constitúense dúas clases antagónicas a partir de diferenzas biolóxicas, que derivan na especialización sexual de homes e mulleres baixo xéneros que se reconstitúen ao longo dos séculos para seguir reproducindo tal estrutura de clases. Ao relegar ás mulleres a eido reprodutivo, constitúen os homes o Poder no eido produtivo e a partir de aí disputándose os uns aos outros (homes) dito Poder económico, ao tender a concentrarse dito Poder cada vez en menos mans ao longo de toda a Historia. Podemos dicir polo tanto que a clase dominante establece unhas condicións iniciais a través do Estado, entendido no seu sentido leninista, e dentro de dito marco Estatal-Ideolóxico as clases subalternas constrúen intentos de contrapoder que só poden triunfar se dita necesidade se corresponde coa capacidade necesaria para imporse. Traducido ao problema concreto que estamos a estudar, son os homes os que en primeira instancia impoñen os seus intereses sobre as mulleres e polo tanto os que prenden a isca inicial do  conflito.
  2. Este conflito provoca nas mulleres dous tipos de reaccións: ou a reprodución para o “ascenso social”, que vén a ser a palmadita nas costas dos homes, ser “as mulleres guais”, etcétera; ou pola contra unha reacción sempre correspondéndose cunha correlación respecto á violencia inicial exercida sobre elas. Como podemos traducir isto polo tanto? Que os homes establezan primeiramente os marcos “legais” a partir dos cales debemos relacionarnos, cheos de contradicións incontables e que entran en contradición coa propia vida das mulleres, fan que ditos marcos “legais” sexan entendidos socialmente como os “naturais”, “normais”, etcétera; é dicir, marcos “legais” ideolóxicos, e sexan as reaccións das mulleres, en forma de resposta individual, en forma de resposta política, en forma de trauma psicolóxico, en forma de saturación mental e posterior ansiedade, ou en calquera forma posterior que adopte dita violencia feminina, sexan esas reaccións entendidas como “desmesuradas”, “esaxeradas”, propias de “histéricas” e “tolas”. Temos polo tanto como tradución do segundo punto que as reaccións das mulleres á violencia masculina é imposible que sexan desmesuradas, pois ten que existir unha (co)relación estritamente directa entre a violencia sufrida e as consecuencias e respostas dadas ante dita violencia. Como diría Althusser, a ideoloxía é a negación práctica pola ideoloxía do carácter ideolóxico da mesma. De feito, o normal é que esa contraviolencia das mulleres sexa incluso menor da recibida, posto que a Ideoloxía xoga un papel fundamental para o que vén a ser no plano xurídico “a autoculpa do sucedido”, e que retroalimente o perigo da saúde mental das mulleres.

Como podemos polo tanto agora levar todo isto ao contexto económico e político no que nos atopamos e como iso afecta á construción dunha moral comunistas e dunha camaradería sa?

Trala caída do Telón de Aceiro, a vitoria do liberalismo supón, non só unha vitoria económica do Capital, senón pola outra banda tamén unha vitoria ideolóxica do liberalismo para dar explicación a tales problemas. Vivimos pois no contexto político do posmodernismo. O escepticismo nos suxeitos políticos colectivos que caracteriza as escolas posmodernas derivan nunha tendencia cara solucións individualistas. Isto non debe levarnos á mesma nterpretación individualista de negar que as actitudes individuais teñan unha nula consecuencia, xa non só a nivel micro, senón a nivel político, posto que o persoal é político, entendido o persoal colectivamente, e polo tanto correspondéndose calquera praxe individual nunha reprodución do marco hexemónico dominante. Toda praxe que levemos a cabo terá derivas ideolóxicas debido aos marcos ríxidos que nos impiden que sexa doutro xeito, pero así como isto é certo, existen praxes que minimizan a acentuación das contradicións, e no seo dunha organización comunista é indispensable construír unha moral construtiva que minimice os conflitos relativamente contraditorios no seo da mesma: é dicir, que evite e minimice os inesquivables problemas políticos internos. Así, é tan individualista pensar que transformamos o mundo a partir da nosa praxe individual, como negar que a nosa praxe individual ten un carácter político propio e que afecta politicamente ao proxecto emancipador.

A realidade abonda en combinacións do máis raro, que diría Gramsci, e nesa realidade capitalista e patriarcal na que o ideal raramente é acadado, senón que, como diría Guy Debord, con todas as reticencias respecto dos seus postulados teóricos, é unha proxección espectacular que nega a vida en favor daqueles que nada producen, xorden suxeitos con disposicións contrarias a este ideal espectacular pero cuxa existencia é igual de necesaria para que o poder privado se reproduza. Temos polo tanto unha acomodación entre tales problemas e de non ser o espectáculo hexemónico, pasa a ser polo tanto espectáculo subalterno.

“Podemos agregar que o que semella suceder fóra da Ideoloxía pasa en realidade na ideoloxía. O que sucede en realidade na Ideoloxía semella polo tanto que sucede fóra dela. Por iso aqueles que están na ideoloxía se cren por definición fóra dela; un dos efectos da ideoloxía é a negación práctica polo Ideoloxía do carácter ideolóxico da Ideoloxía: a Ideoloxía nunca di “son ideolóxica”. É preciso estar fóra dela, é dicir, no coñecemento científico” – Althusser

Un proxecto político emancipador nunca pode ser unha reacción das teses dominantes, senón unha superación delas, pois Mao xa apuntaba que a acción nunca pode ser unha reacción, senón unha creación. Para poder comprender o momento histórico actual con perspectiva histórica, debemos polo tanto comprender como se desenvolven as teses feministas actuais.

Partimos pois dunha sociedade de posguerra na que as mulleres comezan a sufrir unha serie de trastornos psicolóxicos polo seu recrutamento nos fogares unha vez que os seus maridos volven do campo de batalla. Neste contexto, e dándose guerras como a de Vietnam, que crean en Estados Unidos un movemento de oposición chamado pacifismo, comezan a desenvolverse unha serie de teorías que, pretendendo achegarse á análise marxista, perturban as teses dos teóricos máis brillantes para encorsetalas nas lóxicas do liberalismo. Deste xeito, como non podía ser doutro, a ideoloxía de xénero, entendida como a ideoloxía liberal de xénero, o feminismo, bota man de discursos liberais para formular unha falsa superación da explotación das mulleres, tendo como consecuencia un reforzamento dos intereses da propiedade.

Isto ten como consecuencias, en especial en movementos populares máis avanzados ideoloxicamente ou máis tradicionais, reaccións ao feminismo, de xeito que, no canto de facer o que Mao postulou e que anteriormente citei, sitúan ás mulleres da nosa clase entre dous proxectos políticos ideoloxizados que nos golpean continuamente: entre o machismo hexemónico e o feminismo subalterno.

Chegados a este punto, cómpre analizar dúas cousas: por un lado, como o liberalismo soubo empregar o feminismo para rebentar a superación da Ideoloxía; e polo outro e contextualizando máis profundamente, como os comportamentos liberais, clasistas e machistas se manifestan en homes e mulleres de xeito antagónico.

No referente á primeira cuestión e como breve exposición, posto que o interesante para poder analizar mellor o título do propio artigo é a segunda cuestión, o liberalismo soubo encorsetar as oportunidades de emancipación das mulleres dentro das lóxicas da propiedade, é dicir, baixo os intereses das mulleres burguesas: igualdade de oportunidades respecto da propiedade. O problema de fondo vén a ser que o Patriarcado, como primeira estrutura social de clases xurdida na Historia, é a base sobre a que se constrúen as clases sociais clasicamente coñecidas, polo que calquera formulación de abolir a explotación da muller que non teña en conta que é imposible que isto se dea fóra da dirección comunista, e polo tanto dun horizonte estratéxico trascendental, acaba por levar a cabo prácticas tradeunionistas, reformistas, maniqueas e tacticismos frustrados. Para superar a realidade, hai que estudala e entendela.

Así, nunha gran crise económica como a que vimos de sufrir, e seguimos a sufrir, acentuou o conflito entre homes e mulleres das clases subalternas a partir de posturas antagónicas e irreconciliables no marco estatal actual, segundo a definición leninista insisto. Así, a legalidade burguesa só pode estar ao servizo da reprodución da feminidades ou ao servizo da reprodución da masculinidade. Con isto non quero pecar de institucionalismo nin de legalismo, posto que si penso que as reformas son importantes, e é por iso mesmo que Lenin di que son demasiado importantes como para deixalas en mans de reformistas. Así, para que unha reforma responda polas necesidades das mulleres da nosa clase, teñen que ser as propias mulleres da nosa clase as que encabecen dita demanda, e non debates impostos dende as cúpulas do Poder para desviar os intereses comúns entre nós.

Xa respecto á segunda cuestión, podemos caracterizar os comportamentos liberais por sexos do seguinte xeito:

  1. Homes. Comportamento dominante. Subxectivación masculina profundamente ideoloxizada. O obxectivo é a reprodución dos seus intereses como clase: desentenderse de toda obriga social respecto o traballo reprodutivo na súa complexidade, dende o máis visible ou físico, ata o máis ideoloxizado ou o que atinxe ás relacións sociais e interpersoais. Isto remata por establecer os marcos da culpa de xeito maniqueo entre homes e mulleres e recaendo a culpa sobre as mulleres. Exemplo deste tipo de comportamentos: actuar sen pensar nas consecuencias, desentenderse do que as mulleres sentimos ou polo que pasamos debido ás situacións ás que os expoñen, nihilismo teórico-práctico, etcétera.
  2. Mulleres. Comportamento dominado. Subxectivación feminina como reacción. O obxectivo é a autorreprodución da feminidade como reacción ao comportamento dominante, establecendo os marcos da culpa novamente maniqueos entre homes e mulleres pero recaendo a culpa absoluta sobre os homes. Exemplos deste tipo de comportamentos son: o populismo punitivo, a sobreprotección, a autoaxuda como práctica política, sobrevitimización, etcétera.
  3. A análise non sería completada se non poñemos en relación tales comportamentos (dialéctica), e aludindo ao apuntado anteriormente, un deles é necesariamente dominante, e polo tanto precedente, e o outro é necesariemente dominado, e polo tanto consecutivo. Isto quere dicir que os comportamentos que tenden a psicoloxizar a política e os que tenden a sobrevitimizar ás mulleres son consecuencia de previos comportamentos de desentendemento por parte dos homes e polo tanto de explotación de clase/xénero.

Todo comportamento liberal debe ser analizado baixo a perspectiva de xénero; é dicir, comprender como están sistematizados e como uns dominan aos outros. Cal debe ser a postura comunista ante tal conflito, e polo tanto sobre a que debemos construír a nosa camaradería, a nosa moral comunista?

A máis esencial predisposición necesaria é aceptar que a realidade existe independentemente do que queiramos que sexa. É esencial asumir a triste e agotadora realidade para ter a mínima capacidade de cambiala, pois só podemos transformala mediante o seu estudo. Partindo pois de que o capitalismo e que o patriarcado existen, non debemos caer en posicións derrotistas/derrotadoras respecto a esta cuestión: é dicir, a pesar de que a realidade nos somete a contradicións continuas, a solución non é nin a masculinizada que se desentende de toda culpa, nin a feminizada que ante a impotencia e incapacidade coloca toda culpa sobre as costas dos homes ou sobre as súas propias costas. A única solución conciliable é a comprensión do patriarcado e das situacións ás que nos somete como verdadeiro culpable, e como podemos facer tanto mulleres coma homes para minimizar o conflito. A primeira clase en dar ese paso cara unha vontade de conciliación há de ser a dos homes, posto que primeiramente reducirían a conflitividade que eles mesmos crean, e en segundo lugar, cando as mulleres intentan facer crítica da situación adóitase caer na Ideoloxía ao non comprender as consecuencias da explotación exercida por eles mesmos, e por iso é tan importante o
estudo científico. Así, o papel dos homes é esencial no movemento popular para evitar que o feminismo sirva de ferramenta arroxadiza sobre a Unidade das desposuídas.

A camaradería constrúese, non se destrúe. Isto significa que o único xeito posible de construír a camaradería é cunha continua enmenda da Ideoloxía, un apoio entre homes e mulleres, e polo tanto un exercicio exhaustivo por enmendar aqueles comportamentos máis profundamente ideoloxizados, pasando os homes das nosas trincheiras a asumir que se poden equivocar, porque atravesados polas estruturas anteriormente citadas é imposible que estean exentos de exercer a explotación, e polo tanto de equivocarse á hora de construír lazos político-afectivos. Do mesmo xeito, as mulleres debemos evitar caer en posturas maniqueas, e apostar por unha continua reeducación e conciliación no conflito. É preciso tamén comprender que a partir de feitos reais e sistematizados é moi sinxelo que a resposta ante o patriarcado caia na propia Ideoloxía ao non entender a complexidade da situación con perspectiva histórica e apostar por solucións inmediatas e imposibles nos marcos materiais no que operamos, e polo tanto caendo na subxectivación e no reforzo das teses dominantes.

Os comunistas caracterizámonos por unha aposta intransixente respecto a como superar a realidade: construír fronte destruír. Así a camaradería debe construírse a partir de tal premisa, sexa o carné de afiliación de política o que sexa dos nosos compañeiros de clase, e se non hai cabida para unha incorporación da cuestión de xénero neste aspecto, non hai conciliación; e se non hai conciliación, os pactos políticos con homes serán só meramente tácticos, por non apostar por un horizonte común sen propiedade. É dicir, se a cuestión de xénero non é incorporada, camaradería entre homes e mulleres non significará lealdade, confianza, honestidade, apoio mutuo, traballo e cerebro colectivo, crítica e autocrítica, dignidade e orgullo colectivo… situación destrutiva para o movemento popular. Así mesmo, non debemos caer novamente en lóxicas maniqueas e taxantes pretendendo esixir algo imposible, ou mellor dito negar o único posible. Perspectiva histórica e horizonte transcendental sempre: paso
curto, vista longa e man dura.

É por isto que para construír unha contramoral quero apuntar unha serie de mínimos:

  1. A base da contramoral há de partir sempre de tecer alianzas entre os desposuídos e facer fronte ás desviacións pequenoburguesas que penetran no movemento popular.
  2. A cuestión de xénero há de ser sempre analizada a partir do materialismo histórico, e polo tanto a partir dos eixos da propiedade.
  3. A Ideoloxía está profundamente ideoloxizada, e poderemos ter unha comprensión máis completa dela cunha interacción honesta entre homes e mulleres, pondo en común as situacións.
  4. A liberación da muller é un mínimo para a camaradería, polo que oficialmente a nosa posición é unha aposta radical pola maior conciliación posible de xénero que nos permita a realidade.
  5. A crítica e a autocrítica han de ser bases esenciais e igual de necesarias, posto que para un comunista non hai cabida para o orgullo individual, posto que o orgullo é colectivo.
  6. Debe de facerse unha labor exhaustiva por evitar a división sexual do traballo no seo da organización, asumindo por un lado os homes traballo orgánico, e asumindo as mulleres polo seu lado o perfil dirixente.
  7. A rectificación das ideas erróneas do Partido debe partir dos postulados de Mao Tse Tung do seu ensaio baixo o mesmo título, e a actitude de todos os camaradas há de ser sempre receptiva con vontade a corrixir aquelas actitudes que envelenan a actividade militante.
  8. Debemos ter sempre unha actitude integradora e construtiva, atendendo ás chamadas tamén por Mao contradicións no seo do pobo, e polo tanto ter claro cal é a contradición principal que nos atravesa a todos os desposuídos e evitar que as culturas políticas xoguen o seu papel como liturxia para dividirnos.

Deixo finalmente unha serie de puntos que nos achega Mao Tse Tung:

“Existe un alto grao de subxectivismo entre certo número de membros do Partido, o cal prexudica a análise da situación política e a orientación do traballo. A análise subxectivista da situación política e da orientación do traballo conducen ao oportunismo. A crítica subxectivista, os chismes infundados e a sospeita mutua dentro do Partido enxendran acotío disputas sen principios. Como métodos de rectificación temos: a educación dos camaradas de xeito que o seu espírito político e científico impregne o seu pensamento e a vida interna do Partido; ensinar aos militantes a aplicar o método marxista-leninista para a situación política concreta e a apreciación das forzas de clase no canto de analizar de xeito subxectivo; orientar a atención dos camaradas cara a investigación socioeconómica para que sobre esa base determinen as tácticas de loita e os métodos de traballo, así como facelos comprender que sen investigar as condición reais caerán no oportunismo; evitar os xuízos arbitrarios e a trivialidade na crítica, pois toda afirmación debe fundamentarse en feitos e toda crítica debe ter sentido político.” – Sobre o subxectivismo.

Respecto ao individualismo, Mao dinos o seguinte:

  1. Espírito vingativo. “Ti criticáchesme nesta reunión? Na próxima acharei o xeito de que mo pagues”. Semellante espírito vingativo, nacido exclusivamente de consideracións persoais, pasa por riba dos intereses da clase e do Partido no seu conxunto.
  2. Grupismo. Algúns camaradas só se preocupan polos intereses do seu pequeno grupo e fan caso omiso dos intereses xerais. Aínda que en aparencia esta actitude non está movida por intereses persoais, implica en realidade o máis estreito individualismo e ten un forte efecto corrosivo e centrífugo.
  3. Mentalidade mercenaria. Algúns camaradas non comprenden que o Partido ao que pertencen é un instrumento para realizar as tarefas da Revolución. Non comprenden que eles mesos son protagonistas da Revolución, e pola contra senten responsabilidade só ante os seus superiores. Esta mentalidade mercenaria e pasiva é tamén unha manifestación de individualismo, e explica por que non temos moitos militantes que dediquen incondicionalmente todas as súas forzas á Revolución. Se non se elimina esta mentalidade, non poderá aumentar o número de camaradas activos e a pesada carga da revolución seguirá sobre as costas duns poucos, moi prexudicial para a nosa loita.
  4. Busca da vida cómoda. Maniféstase en camaradas que esperan traballar en grandes cidades nas que traballar pouco e pasalo ben.

Sobre a organización das mulleres como suxeito histórico, Gueorgi Dimitrov, referente e comunista búlgaro que teorizou sobre como articular a unidade dos desposuídos, di o seguinte:

“En nuestros esfuerzos por incorporar a la mujer trabajadora al movimiento revolucionario, no debemos asustarnos tampoco de la creación de organizaciones especiales de mujeres allí donde sea necesario hacerlo. El prejuicio de que hay que liquidar en los países capitalistas las organizaciones femeninas, que se hallan bajo la dirección de los Partidos Comunistas, por exigirlo así la lucha contra el “separatismo femenino” en el movimiento obrero, es un prejuicio que acarrea frecuentemente grandes daños.”

Para finalizar, podemos contextualizar as seguintes palabras de Erich Fromm ao caso concreto da fraternidade na camaradería, e a conexión e o entendemento entre diferentes culturas políticas, diferentes sexos, diferentes capas das sociedade respecto ao nivel de (con)ciencia, etcétera… o amor á nosa clase, á humanidade e o visceral odio a todo o que nos destrúe como personas:

“O amor maduro significa a unión a condición de preservar a propia integridade, a propia individualidade. O amor é un poder activo do home; un poder que atravesa as barreiras que separan ao home dos seus semellantes e o une cos demais; o amor capacítao para superar o seu sentimento de alleamento e separatividade e porén permíteo ser el mesmo, ante a súa integridade.”

“Supoñamos –di Marx- ao home como home, e a súa relación co mundo nun aspecto humano e poderemos intercambiar amor por amor, confianza por confianza, etcétera. Se se quere disfrutar da arte, dese posuírse unha formación artística; se se desexa ter influencia sobre outra xente, débese ser capaz de exercer unha influencia estimulante e alentadora. Cada unha das nosas relación co home e coa natureza deber ser unha expresión definida da nosa vida real, individual, correspondente ao obxecto da nosa vontade. Se amamos sen producir amor, é dicir, se o noso amor como tal non produce amor, se por medio dunha expresión de vida como persoas que amamos non nos convertemos en persoas amadas, entón o noso amor é impotente, unha desgracia.”

Amor, formación, coñecemento, estudo, apoio mutuo, fraternidade, organización… iso é a nosa maior ferramenta contra a propiedade.

María Bentrón