A importancia da Organización Comunista no proceso de liberación nacional

tatlin

Monumento á Terceira Internacional, Vladimir Tatlin, 1919

No século pasado, tras repudiar a deriva do esencialismo etnicista e prefascista de Vicente Risco, o republicano galego Daniel Castelao botou man no seu Sempre en Galiza do revolucionario soviético Xosé Estaline para amosar dun xeito científico que Galiza conforma claramente unha nación por ser, tal como indicaba Estaline nas súas teses, unha comunidade humán estábel, históricamente formada e xurdida sobre os alicerces dunha comunidade de idioma, de territorio, de vida económica e de psicoloxía, manifestada ésta nunha comunidade de cultura.

Malia que Castelao viaxou á URSS e coñeceu en primeira persoa os resultados dos primeiros 20 anos da mesma, ao contrario do que aconteceu desde que era ben novo co seu estreito colaborador Lois Soto, Castelao non chegou a evoluír nunca cara os posicionamentos comunistas (nin tampouco cara os independentistas), pero recoñeceu con admiración e sinceridade o rigor analítico e a aportación científica da dialéctica marxista-leninista. Eis a razón principal da súa conexión coas teses do revolucionario soviético de nación xeorxiana.

Hoxe en día, nós, comunistas de praxe independentista, estudamos e analisamos a sociedade que nos rodea para actuar dun modo eficaz, consecuente e axeitado. Aliás, a teoría da economía marxista e do materialismo histórico continua a ser a única capaz de estudar a fondo a contradición fundamental que se establece entre os medios de produción e as persoas que os empregan (as chamadas forzas produtivas) e o xeito de se asociar estas persoas na produción, apropiación e intercambio dos produtos (as denominadas relacións de produción).

En base a isto, somos conscientes de que unha política verdadeiramente revolucionaria –real e non só verbal- debe vir sempre orientada pola análise concreta da situación concreta. Polo tanto, nunha nación obxectivamente colonizada1 e sen soberanía, como é o caso da Galiza sometida ao dominio, sometemento e explotación do Estado Imperialista Español (EIE), e aplicando consecuentemente a teoría analítica nidiamente marxista e materialista, a loita de clases debe adoptar a expresión estratéxica de loita de liberación nacional.2 Da loita nidiamente independentista.

Consecuentemente, desde o Partido Galego do Proletariado (fundado en 1978) e desde o Partido Comunista de Liberación Nacional (fundado en 1986), principais xermolos da Frente Popular Galega actual, as\os comunistas galegas\os adoptamos certeiramente a praxe estratéxica independentista e, polo tanto, o horizonte táctico da Revolución Nacional Popular.

Pero para acadar os nosos obxectivos é ben sabido que as condicións obxectivas -económicas, sociais e políticas- non aseguran nin de garanten automaticamente o triunfo da denominada Revolución Nacional Popular. Porén, para asegurar o bo camiño do triunfo revolucionario é precisa a actuación consciente, disciplinada e organizada das forzas revolucionarias, é dicir, do factor subxectivo.

E como é precisa a actuación consciente e organizada do factor subxectivo, cómpre, logo, un partido “de novo tipo”, revolucionario e patriótico (Partido Comunista) que aplique unha liña de masas entre o pobo traballador galego, de xeito que poida permanecer ligado a el, recoller, analisar e sintetizar os seus niveis organizativos e as súas experiencias de loita e devolverllelas a éste elaboradas, para a sua plasmación a niveis superiores de organización, de acción e de loita.

Polo tanto debe ser o Partido Comunista de base marxista-leninista a punta de lanza dese factor subxectivo e a expresión organizativa do proletariado nacional, e desde a Frente Popular Galega sabemos conscientemente que a construción do mesmo é un proceso dialéctico, pedagóxico, e nada doado, en permanente comunicación e coordinación coa clase obreira.

Falamos por suposto dun Partido obreiro –internacionalista, pero de dirección galega- que non vaia pola vida de vangarda -como fai o esquerdismo- senón que, desde a modestia e o traballo constante, sexa recoñecido coma tal polo pobo traballador galego pola súa referencialidade e pola súa didáctica e coerencia política. Un partido conectado coas masas e arredado do espontaneísmo e da inmediatez do reformismo dereitista e do sectarismo e do radicalismo estético do oportunismo esquerdista.

Para alén, a Frente Popular Galega, como organización patriótica da clase obreira sabedora da importancia do Partido Comunista para a defensa dos intereses da mesma, non aceptará nunca diluír o Partido de Clase dentro da configuración interna dunha estrutura ampla interclasista en forma de frente de liberación nacional ou unidade popular da esquerda por moito que aceptemos –tal como nos aprendeu Dimitrov- a conveniencia dunha alianza táctica, e tamén estratéxica, entre as clases obxectivamente interesadas na Revolución Nacional Popular.

Non podemos renunciar nunca á nosa organización, á organización da clase obreira, ao Partido Comunista Galego cuxos xermolos principais somos tanto a Frente Popular Galega como as nosas organizacións irmás. Temos que construír un Partido cos pés na terra e estreitamente ligado co movemento obreiro e popular, que poida transmitir propostas políticas, concretas e de actualidade para poder elevar ao pobo traballador galego –e ás súas necesidades e anceios- do concreto ao xeral e do espontáneo ao consciente.

Non podemos renunciar tampouco a defendermos a nosa historia revolucionaria, a aplicación histórica do marxismo-leninismo, fronte os ataques capitalistas e revisionistas que pulan por desacreditar a construción do socialismo, a loita pola revolución socialista e os logros a prol das capas populares e da clase obreira. Como dixo o revolucionario e patriota chinés Mao Zedong “Ningún partido político pode conducir un gran movemento revolucionario cara a vitoria se non posúe unha teoría revolucionaria, un coñecemento da historia e unha comprensión profunda do movemento práctico”.3

É preciso entón o Partido do proletariado organizado coma expresión política da unión da teoría marxista-leninista co movemento obreiro nacional e coma dirección e referente proletario da frente de liberación nacional ou unidade popular da esquerda. Nunca precisaremos de xente iluminada, nin de falsos mesías, nin de autoproclamadas vangardas. Cómpre, porén, camiñar a carón do pobo con dialéctica, humildade, didáctica, seriedade e alegría, sen irmos de profetas nin de salvadores. Eis Cangas. Eis Redondela. Eis a folga, a motoserra, a defensa das rías, dos ríos e dos montes.

Un Partido Comunista que, coma forma superior de organización da clase obreira, loite sen tregua contra todo tipo de reformismo, revisionismo e sectarismo que intente impedir a organización revolucionaria do pobo traballador galego, a toma de conciencia dos seus intereses obxectivos e a unidade do proletariado nacional e das demais clases traballadoras patrióticas non-explotadoras.

Ten que ser tarefa do Partido Comunista formar cadros, analisar a sociedade que nos rodea, construír e aplicar un programa revolucionario, levar a nosa loita á rúa e conquerir a unidade obreira e popular traballando aló onde estexa o pobo, nas súas propias organizacións, centrais de clase e movementos populares, dende o nivel de conciencia na que éste estexa, sen rebaixar os contidos estratéxicos, sen abandonar ao mesmo nas mans da influencia burguesa e revisionista e denunciando o sectarismo esquerdista en todas as súas formas.

En conclusión, cómpre así mesmo, defendermos o marxismo-leninismo coma expresión teórica dos intereses do proletariado patriótico e a súa aplicación nas condicións actuais do desenrolo do imperialismo en Galiza e no mundo, e defendermos, polo tanto, a vixencia hoxe mais que nunca da súa plasmación organizativa na forma de Partido de Novo Tipo, de Partido Comunista. Eis a nosa loita sen tregua. Eis o noso traballo diario. Eis a nosa tarefa ineludíbel.

Moncho Lareu, militante da FPG.

1Vid. “Porque temos que ser independentistas?” in O Xornal. Información Obreira nº 11. pp. 36-38. CUT, (marzo 2012)

2Ibidem.

3O papel do Partido Comunista da China na guerra nacional (outubro de 1938), Obras Escollidas, tomo II.