#7N. Querémonos vivas!

Semana tras semana, espertamos coa nova dunha muller máis asasinada, até nos situarmos en máis de 70 feminicidios no que vai de ano, sendo isto un fiel reflexo da sociedade patriarcal que exerce a violencia en todos os seus modos e en todos os ámbitos.

A pesar disto, desde as institucións públicas séguese recortando en recursos especializados contra a violencia machista. Sumamente importantes os recortes na xustiza, a cal resulta completamente ineficiente nos casos de violencia de xénero, xa que gran parte das asasinadas antepuxeran denuncias ante o seu agresor e estaban á espera dunha resolución ou dun movemento por parte do sistema para as pór a salvo; e recortes en todos os servizos públicos, en xeral, provocando unha máis que decadente situación.

Sendo conscientes desta realidade, esiximos que a loita  contra a violencia de xénero se converta en cuestión de Estado, para que así se poida previr e erradicar; e tamén que se poida dar asistencia, de forma inmediata, a todas as mulleres que se atopen baixo o xugo deste tipo de violencia.

Tampouco podemos esquecer o tratamento completamente sensacionalista que os medios dan aos feminicidios, esixindo que se dea unha información que obedeza á realidade, sen eufemismos que moitas veces terxiversan por completo a realidade, e cree conciencia na sociedade da gravidade destes asasinatos.

Separadas podemos, porén, xuntas somos máis fortes. Por iso, este 7N imos a Madrid! QUERÉMONOS VIVAS!

 

7n