25N – A historia será nosa!

No que levamos de ano xa son 12 as mulleres vítimas da violencia de xénero en toda a Galiza. Non só iso, existen datos aínda máis estremecedores: o 35% das mulleres e nenas sofre algún tipo de violencia física e/ou sexual ao lo longo da súa vida, arredor de 60 millóns de nenas no mundo son obrigadas a se casaren con menos de 18 anos e 140 millóns sofren mutilación xenital feminina.

Estamos fartas de escoitar en todos os medios de comunicación «morta» en vez de «asasinada». Fartas da diferenza de salario (as mulleres cobran un 37’4% menos que os homes), do teito de cristal, dos abortos clandestinos daquelas mozas menores de idade que non obtiveron o permiso dos seus pais e nais, das violacións, dos micromachismos. Porque o feminicidio non é máis que a expresión última do sistema heteropatriarcal e capitalista que nos rodea.

A principios deste ano, o CIS e a Secretaría de Estado e Igualdade sacaban unha nova enquisa sobre o machismo e as novas xeracións. O 33% dos mozos do estado español de entre 15 e 29 anos, é dicir, un de cada tres, considera «inevitábel» ou «aceptábel» a denominada violencia de control: actitudes como impedir á parella que vexa á súa familia ou amigos, vixiar os seus horarios, non deixala estudar ou traballar… É, polo tanto, un tipo de violencia de xénero que coloca en situación de dependencia e inferioridade ás mulleres e non só iso, é unha sinal incipiente de situacións máis graves de maltrato e que reflicte un feito nunca antes visto na historia: é a primeira vez que a xeración posterior vai chegar a ser máis machista que a anterior.

Datos coma este, ou coma o feito de que este ano a Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero e o Instituto da Muller teñen, respectivamente, un 16 e un 45% menos de orzamento que en 2009, son alarmantes. Non estamos conseguindo avanzar nesta loita, na loita contra o machismo.

Por iso, desde XEIRA queremos reivindicar a necesidade dun feminismo revolucionario. Precisamos que o feminismo se organice. Vivimos nunha realidade en que nas asembleas, sindicatos e organizacións existe, en xeral, unha esmagadora maioría de homes e, por iso, é fundamental que as mulleres participemos dentro destes marcos. Hoxe, máis que nunca, o persoal é político. É a nosa labor conseguir que as nosas reivindicacións feministas sexan asumidas tanto por homes como por mulleres de dentro e fóra das organizacións. A historia xa nos demostrou que a actuación das feministas nos movementos sociais foi clave á hora de conseguir que as nosas demandas estean dentro das prioridades estratéxicas destas mesmas estruturas políticas.

Porque somos mulleres libres, autónomas, fortes e capaces de nos defendermos ante os ataques do capital e do patriarcado. E farémolo.

A historia será nosa!