25-N Día Internacional de Loita Contra a Violencia Machista: loitemos todas para mudalo todo!

O 25 de Novembro é o día das asasinadas, das torturadas, das que día a día teñen que soportar a violencia contra a súa persoa; por ser quen son, mulleres. Os datos son arrepiantes, milleiros de mulleres violadas, maltratadas, mortas e recluídas pola violencia machista; no estado español no 2013 houbo 52 vítimas mortais e no 2014 xa van 44 asasinadas polo machismo que se agocha en cada un dos recunchos da sociedade patriarcal na que vivimos. Pero lembremos que non só doen os golpes, a violencia simbólica provoca que millóns de mulleres vexan destruída a súa personalidade, autonomía e liberdade.
As mulleres fomos inferiorizadas, dominadas, pasamos a ser escravas do pracer dos homes e empregadas como simples instrumentos de reprodución. Esta situación ao longo do tempo foi gradualmente retocada, disimulada en certos lugares e incluso foi revestida de formas máis suaves pero de ningunha maneira foi suprimida.
Dende Xeira queremos visualizar que a opresión da muller ten unha causa económica, non natural ou psíquica, este é o gran avance das intelectuais marxistas, esta relación fai crer na nosa propia liberación e non resignarse ante a situación inxusta na que vivimos.

Por iso, este 25 de novembro, clamamos a organización das mulleres como ferramenta para rachar con este sistema inxusto que nos abafa.
Queremos mulleres vivas e emancipadas!
Loitemos todas para mudalo todo!

25n