1º de Maio 2014, Día do Internacionalismo Proletario. AVANCEMOS!

A Frente Popular Galega e a mocidade comunista de XEIRA no Día do Internacionalismo Proletario deste ano 2014 no que a taxa de desemprego acada xa no noso país o 23,2%, con vinte mil empregos máis destruídos nos primeiros tres meses do ano, co aumento da taxa de desemprego xuvenil nese mesmo trimestre en 2,2 puntos colocándose nun insoportábel 40,2%… queremos manifestar unha vez máis a nosa aposta firme pola mobilización obreira e popular unitaria e permanente.

 

As medidas represivas que nos últimos tempos está adoptando o Goberno español e o seu apéndice da Xunta demostran que a loita de clases vai en aumento como tamén o amosou de xeito contundente o grande éxito das Marchas da Dignidade. Só forxando un grande movemento popular para a liberación nacional e social estaremos en disposición de albiscar unha saída á mal chamada “crise”, que non é outra cousa que o roubo masivo da inmensa maioría por uns poucos, e derrotar a ofensiva do grande capital e do seu lacaio o Estado español.

Ese mesmo Estado que neste momento está desnortado, negándose ás demandas democráticas como a do pobo catalán, enrocado en posicións filofascistas como a infame proposta de lei do aborto que imos con certeza tombar, militarizando, en definitiva, a resposta ás demandas populares. Apenas é un xigante con pés de la, e sábeo, sabémolo, por iso debemos turrar con máis forza aínda, desde posición unitarias, non sectarias, cara a ruptura democrática con ese réxime da II Restauración borbónica baixo a palabra de orde de Pan, Traballo, Liberdade e Dignidade.

A clase obreira, en alianza férrea co conxunto das clases populares galegas, temos unha oportunidade histórica. “Axúntemonos todos e todas, é a loita final” contra “os imbéciles e escuros” din os nosos himnos. Avancemos, pois, con audacia cara a ruptura democrática e un proceso constituínte propio, avancemos a pola República Galega e o socialismo. É a hora do noso pobo.

 

 

Viva o 1º de maio!

Viva Galiza ceibe e socialista!

 10264982_1429490763971253_8697877367949868799_n